O festival Play-Doc leva o premio do público de Culturgal 2017

O evento audiovisual impúxose na votación ante a FIOT e o Portal das Palabras

O evento audiovisual impúxose na votación ante a FIOT e o Portal das Palabras
Edición 2017 do Play-Doc Foto: Play-Doc
O festival Play-Doc de Tui impúxose nas votacións ao Premio do Público Culturgal 2017. O Festival Internacional de Documentais acadou 678 votos dos 1.300 emitidos nesta edición e superou os conseguidos polas outras dúas propostas finalistas, a FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro) de Carballo e o Portal das Palabras, unha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. As asociacións gremiais que forman parte de Culturgal escolleron estas tres iniciativas como as candidaturas polas que o público da Feira tivo que se decidir nunha votación en liña. O premio entregarase este domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra no transcurso na nova edición do Culturgal que comeza o venres 1 de decembro. Play-Doc é un festival independente que ofrece unha selección de películas documentais do circuíto internacional en varias liñas programáticas competitivas e non competitivas, incluído retrospectivas e obradoiros e charlas e que convoca cada primavera perto de oito mil persoas na vila de Tui. Nas anteriores edicións de Cuturgal gañaron os premios do Público o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (2013). Diario Cultural da Radio Galega (2014), o Festival de Cine Curtocircuíto (2015) e o Festival Agrogay da Ulloa (2016).