Alberto Ramos recunca no Premio Vicente Risco de Creación Literaria

A súa novela A simetría das bestas impúxose na XVIII edición do certame

Por segunda ocasión, o xornalista e escritor compostelán Alberto Ramos resultou vencedor do Premio Vicente Risco de Creación Literaria. O xurado da XVIII xeira deste galardón que convoca o Concello de Ourense en colaboración coa Fundación Risco recoñeceu a súa novela A simetría das bestas co premio de 6.000 euros que inclúe a publicación de 150 exemplares da obra por Urco Editora. O xurado destacou que o traballo vencedor é unha obra "de corte filosófico" que concede "un espazo de dignidade aos outros, aos diferentes, aos marxinados" a empregar un coidado simbolismo, personaxes "moi ben construídos" e un "moi bo manexo dos recursos narrativos". Ramos xa se fixera con este galardón na edición de 2012 coa súa obra Todos os días.

O xurado estivo composto por Belén Iglesias Cortés, concelleira de Cultura de Ourense; David González Domínguez, da editorial Urco; Benigno Yáñez Pérez gañador da edición anterior; os profesores Constantino Pazos Sobrino e Antonio González Blanco, a escritora e crítica Ánxela Gracián e mais Mónica Fernández Valencia, técnica do Servizo de Normalización Lingüística, a actuar como secretaria.