As contas da cultura 2018: As grandes partidas e as transferencias

A aposta polo patrimonio e o incremento de fondos para a Agadic preséntanse como novidades máis salientables nos orzamentos de 2018

A aposta polo patrimonio e o incremento de fondos para a Agadic preséntanse como novidades máis salientables nos orzamentos de 2018
Mosteiro de Oseira. Foto: turismo.gal
A recuperación de bens patrimoniais preséntase como a grande estrela dos orzamentos de cultura para 2018. Canda a isto, é de destacar o incremento en partidas para o fomento das actividades culturais. O novo impulso que recibe a Axencia Galega das Industrias Culturais fai albiscar novidades no apoio a este sector, mentres o Xacobeo 2021 aparece xa como o grande factor que condicionará as políticas culturais da Xunta para os vindeiros anos.

Patrimonio: O Xacobeo de 2021 propicia a restauración de grandes monumentos

O patrimonio preséntase como un dos grandes beneficiados da recuperación das contas para cultura de 2018. As principais partidas de investimento neste ámbito increméntanse en máis de dous millóns de euros, o que sumados a fondos europeos a á acción de departamentos como a Axencia de Turismo amosan a rehabilitación e a restauración de bens como un dos eixes fundamentais das políticas culturais do goberno.

A proximidade do vindeiro Ano Santo Xacobeo 2021 está a marcar xa os orzamentos para o patrimonio da Xunta do vindeiro ano. Deste xeito, os fondos que se dedican ao programa de Protección e Promoción do Patrimonio Histórico, Artístico e Cultural son os que máis medran (canda aos de Fomento das actividades culturais, que sofren un incremento similar). A propia Consellaría de Cultura destaca de xeito explícito esta aposta, xa que titula o propio comunicado de presentación das contas para o vindeiro ano a destacar que en 2018 "adicaranse 18 millóns de euros á posta en valor do patrimonio cultural galego".

Actuacións estrela
O mesmo comunicado cifra en case o 16% a suba nas partidas da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, "que suman un total de 18 millóns de euros". Entre as actuacións que se prevén desenvolver "ao abeiro deste reforzo", o departamento lista "a restauración das cubertas da catedral de Nosa Señora da Asunción de Mondoñedo (600.000 euros), a musealización de San Martiño de Mondoñedo (200.000 euros), a conservación e posta en valor do mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes (1,6 millóns), a conservación e posta en valor do Mosteiro de Oseira (800.000 euros), a consolidación do castro" (na realidade un forte romano) "de Cidadela (Sobrado, 60.000 euros) ou a rehabilitación do Mosteiro de Santa Catalina de Ares (120.000 euros), entre outras. Así mesmo están previstas intervencións na basílica de Santa María, en Pontevedra (200.000 euros)".

Fondos europeos e camiños xacobeos
Cómpre ter en conta que Programa Galicia-Feder 2014-2020 cobre boa parte dos custos das intervencións anunciadas, polo que os investimentos non coinciden exactamente cos que se poden atribuír ao Proxecto de Orzamentos. Este é o caso dos mosteiros de Sobrado dos Monxes e de Oseira, así como o do forte romano da Cidadela. Tamén a recuperación da catedral de Mondoñedo conta con apoio comunitario, e ten traballos previstos ata 2020. É de destacar que tanto este edificio como o complexo de Sobrado fan parte do recoñecemento da UNESCO como Patrimonio da Humanidade ao Camiño Norte a Santiago, mentres o Mosteiro de Oseira conta mesmo cun albergue na ruta xacobea da Vía da Prata. Se sumamos que a basílica de Santa María está situada en pleno itinerario do Camiño Portugués e que A Cidadela tamén está situada en Sobrado, temos que dos investimentos anunciados unicamente Santa Catalina fica fóra dunha ruta xacobea. A apontoar esta idea da restauración do patrimonio como eixe das políticas públicas en cultura, o propio conselleiro anunciaba na pasada semana o investimento de 15 millóns de euros ata 2020 en obras de recuperación na catedral de Santiago. No entanto, boa parte destes fondos chegarán de diferentes fontes e non terán un reflexo directo nas contas autonómicas.

Incrementos reais
A repasar máis polo miúdo as partidas, compróbase que o programa "Protección e promoción do patrimonio histórico, artístico e cultural", que engloba o groso das políticas neste ámbito, conta cun total de 15.131.946 e continúa a concentrar os investimentos da Consellaría sobre bens culturais. A mellora neste apartado a respecto do pasado ano supera os 2.221.000 euros, un incremento que ademais repercute de xeito fundamental nos fondos dedicados ao investimentos directos no patrimonio. A mellora déixase sentir fundamentalmente nas partidas que xa contaban con maiores contías. Canda a esta destaca de xeito particular, tanto polo seu volume como polo incremento que sofre, a de "Intervencións en edificios e outras construcións" que suma 1.573.520 de euros, ata os 3.743.171, e concentra así a inmensa maioría do incremento orzamentario do programa (que, lembremos, é de algo máis de dous millóns). Ante isto, non é de estrañar que o reparto de gasto dea para medras ben menores noutras partidas. É o caso das "Intervencións no patrimonio cultural", que malia ao seu importante volume (1.373.497 euros) suma apenas 37.000 euros máis aos seus fondos. A terceira partida por gasto para cuestións patrimoniais, a de "Adquisición de mobiliario e utensilios para museos" (desta volta adscrita ao programa de Arquivos, bibliotecas e museos) é a única das contempladas que perde forza, xa que con 16.000 euros menos fica reducida a 798.000.

Xacementos, bens mobles e retablos
Os outros incrementos destacados son para "Conservación, protección e consolidación de xacementos arqueolóxicos", un apartado que triplica os fondos do pasado ano e acada 300.000 euros, e mais para as Actividades difusoras de museos e infraestruturas culturais, que superan o medio millón de euros (556.710) logo dun incremento de 100.000. Duplica a súa capacidade o apartado dedicado a "Adquisición e restauración do patrimonio moble e documental", que chega así aos 100.000 euros. É de destacar que o programa "Conservación e restauración de pinturas murais e retablos", anunciado xa para 2017 cun importante incremento orzamentario, medra con forza ao incorporar 150.000 euros a maiores e chegar aos 380.000. Dentro das que non acadan ningunha mellora está a de "Promoción, catalogación e inventario do patrimonio cultural", partida que ata o de agora cubría as delimitacións das rutas xacobeas, que mantén os seus 465.437 euros. O mesmo acontece coa de Adquisición de Bens Culturais (208.938), o Convenio Mixto Xunta-Igrexa para intervencións en bens propiedades desta última entidade, que se mantén en 120.000, a adquisición de maquinaria, instalacións e utensilios para museos (44.942) e a de Restauración do Patrimonio Moble e Documental (11.000), que non recupera fondos logo do importante recorte que sufrira o pasado ano.

Sen descentralización
Tampouco acadan ningún incremento, logo de varios anos, as transferencias a concellos e asociacións neste ámbito. Deste xeito as corporacións locais continuarán contando con 90.000 euros en axudas e convenios para a conservación do patrimonio cultural, malia a que a Lei de Patrimonio, xa no seu segundo ano en vigor, prevé incrementar as responsabilidades municipais neste campo. En canto ás entidades sen ánimo de lucro, mantéñense as contías das bolsas para a formación en materia de patrimonio moble (46.000 euros), os convenios en materia de patrimonio cultural (133.334) e as axudas para a protección e conservación do patrimonio (50.000), que se incrementaran significativamente por vez primeira en 2017 logo de anos paralizadas. Tamén fican en 25.000 euros as axudas en materia de intervencións arqueolóxicas, tanto para asociacións como para empresas,.

O peso de Turismo
A aposta pola rehabilitación de Patrimonio transcende con moito os recursos destinados a Cultura, xa que a Axencia Turismo de Galicia tamén ten previstos importantes proxectos neste sentido. Malia a que as contas detalladas da entidade non se inclúen no proxecto de orzamentos para 2018, a súa titular, Nava Castro, anunciou xa que a entidade achegará fondos á posta en valor de diferentes recursos patrimoniais. Deste xeito, en colaboración con diferentes entidades locais abordaranse proxectos como a rehabilitación do antigo balneario de Cortegada, o remate da execución do proxecto Mariña Virtual, en Foz, a posta en marcha do novo Centro de Interpretación do Viño do Condado de Tea, en Salvaterra do Miño, ou o Proxecto Porta do Trega, na Guarda. A estas súmanse iniciativas como a mellora da contorna do santuario da Franqueira, na Cañiza ou intervencións nas fachadas da Illa de Ons, entre outras.

Melloras nos camiños e actividades
Desde este mesmo departamento, bens de interese cultural como son os Camiños de Santiago recibirán 4,5 millóns de euros de investimento. Na presentación do orzamento, a Axencia de Turismo destaca que "o ano 2018 será o ano do Camiño Portugués, polo que se licitarán e executarán as obras de acondicionamento e sinalización deste itinerario e do Camiño Portugués da Costa, cun investimento de 2,5 millóns de euros" que se suma á continuidade de actuacións similares no Camiño de Fisterra-Muxía. Tamén se investirán 1,5 millóns na Rede de Albergues Públicos, con accións de rehabilitación como a xa comezada na casa Reitoral do Poulo, en Ordes, e outros 3 millóns centraranse propostas de sinalización das Vías Xacobeas. Ademais, a Axencia tamén terá tamén un peso fundamental na programación cultural do vindeiro ano, xa que prevé investir "preto de 3 millóns de euros para a realización de eventos culturais" ata 2021 como preparación para o vindeiro Ano Santo, unha programación que "incluirá concertos no Parque Monte do Gozo e nas cidades galegas".

Outros patrimonios
A maiores destes, outros organismos da administracións teñen tamén o seu papel no coidado do noso patrimonio. Deste xeito será a Consellaría do Mar a que sufrague as actuacións comprometidas logo recente da declaración da Carpintaría de Ribeira como Ben de Interese Cultural do Patrimonio Inmaterial. Así, nos seus fondos prevense partidas para un Programa de Fomento da Recuperación das Embarcacións Patrimoniais, da man da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial por un valor de 46.576 euros. Pola súa banda, as accións de Fomento da Carpintería de Ribeira en colaboración coa Asociación sectorial Agalcari recibirán outros 28.000.


As transferencias: Agadic recibe un novo impulso mentres a Cidade da Cultura mantén investimentos

A Axencia Galega das Industrias Culturais e a Cidade da Cultura mantéñense como as dúas entidades que máis cartos reciben das contas da Xunta en materia cultural. A Agadic recibe no proxecto de orzamentos para 2018 un novo impulso, mentres o complexo do Gaiás mantén o seu custo con novas obras de urbanización e a previsión dun incremento de actividades. Canda a eles, outros organismos e entidades locais e do terceiro sector mantéñense sen moita novidades nas contas culturais.

Promoción e difusión
Como unha das innovacións máis destacadas das políticas para o vindeiro ano, Cultura anunciou na presentación das contas un incremento do 33% nos investimentos para o fomento das actividades culturais. Se ben debemos ter en conta que son múltiplas as partidas que se pode adscribir a este fin, non cabe dúbida de que boa parte das mesmas medran, e que o programa con esa denominación suma algo máis de 1.704.000 euros e acada algo máis 29.400.000. Por partidas, o principal crecemento nesta liña atópase nos fondos para "Actividades de promoción e difusión cultural", que pasan de 250.000 a 517.570 euros. Tamén chegan case a se duplicar os cartos destinados a Exposicións e artes plásticas, para os que haberá o vindeiro ano 190.000 euros fronte ao 105.000 de 2017. Mantense no entanto o apartado xenérico de "Actividades difusoras de promoción", adscrito ao programa "Dirección e servizos xerais de cultura", que mantén os seus 130.207 euros. Canda a estas partidas pódense considerar nesta liña outras semellantes adscritas á difusión e a divulgación de museos, patrimonio, bibliotecas ou arquivos que abordamos nos seus respectivos apartados.

Impulso a Agadic
A Axencia Galega das Industrias Culturais continúa a encabezar as transferencias que fai a Xunta a diferentes organismos do ámbito da cultura. A Agadic recibe un novo impulso logo de dous anos cos orzamentos estabilizados. Desta volta o organismo incrementa a súa capacidade de gasto en máis dun millón de euros e chegará aos 11.502.273 en 2018. A medra distribúese de xeito similar entre gastos correntes e de investimento, polo que é de agardar que sexa ese medio millón de euros a maiores o que achegue novidades ás políticas culturais que desenvolve a Agadic. Como declaración de intencións, a Consellaría de Cultura anunciou xa na presentación das contas que "volverá medrar a dotación da Rede Galega de Teatros e Auditorios e a da nova Rede Galega de Música ao Vivo, e incrementarase o apoio aos principais festivais musicais. Ao mesmo tempo, manteranse a colaboración ao desenvolvemento e á produción do sector audiovisual, as axudas ao talento de novos creadores e o apoio aos festivais audiovisuais; e continuarase apostando pola internacionalización das empresas culturais galegas en diferentes mercados".

Novas liñas
Dentro desta última liña, o departamento adianta eventos como o Conecta Fiction, que chegará a Galicia por segunda vez, así como unha acción formativa do European Audiovisual Entrepreneurs (EAVE) e novas liñas de axuda para o desenvolvemento de coproducións audiovisuais con Arxentina e de asistencia festivais internacionais en colaboración do IGAPE. Na memoria que acompaña as contas, para alén de repetir obxectivos xenéricos previstos xa para 2017, anúnciase o desenvolvemento da Estratexia de festivais de música e novas axudas para o fomento do talento musical, ademais de prever a asistencia de compañías galegas a Mercartes, feira de artes escénicas de Valladolid. A maiores, se en 2017 se anunciaban investimentos da Axencia en proxectos de cooperación transfronteiriza como Troco x Troco, bienal de pintura Eixo Atlántico e o proxecto Proamare, desta volta as listaxe deste tipo de colaboración refire o Programa Nortear Galicia-Rexión Norte de Portugal, centrado nos ámbitos de literatura, bibliotecas ou intercambio de proxectos expositivos, e mais a colaboración co Eixo Atlántico na organización da Bienal de Pintura e en proxectos de difusión musical.

A Cidade da Cultura mantense
Os traballos de urbanización pendentes no Gaiás xustifican nas contas a continuidade dos investimentos na Cidade da Cultura. A creación do Xardín Botánico no emprazamento do Palacio da Música e a ampliación do Bosque de Galicia preséntanse como principais accións neste sentido para o vindeiro exercicio. A entidade contará de novo con 5,4 millóns de euros en transferencias correntes da Xunta que se suman aos 3,6 millóns de transferencias de capital. En total, e de xeito similar ao pasado ano, o complexo sumará de diversas fontes un orzamento de 11,02 millóns de euros. Ademais dos traballos de urbanización, o conxunto destes fondos cubrirá un incremento de actividade. Segundo recolle a memoria dos orzamentos de Cultura, o vindeiro ano programarase neste espazo un novo ciclo de concertos de pequeno formato e outro sobre literatura, ademais de se organizar unha xeira a maiores do evento A Cidade Imaxinaria, que pasará así a ter dúas edicións anuais. A maiores, a Xunta anunciou a súa intención de consolidar o centro de emprendemento do Gaiás con novas accións.

O Museo do Pobo e o Consorcio
Malia ao recente anuncio do presidente da Xunta que o goberno contribuirá para a apertura de novas salas, o Museo do Pobo non consegue novos fondos da Xunta para este ano, e continúa cos 297.800 euros habituais nos últimos exercicios. É de prever que o apoio se concrete en vindeiros anos, xa que as actuacións de mellora están previstas ata 2020, ou que se faga con cargo a outras partidas. En relación a isto, continúa tamén estable o apoio do Goberno Galego ao Consorcio de Santiago, aínda que os 2.684.413 euros que a Xunta achega a este organismo distribúense de diferente xeito e medran nas transferencias correntes mentres minguan os gastos de capital, destinados a investimentos. Canda a esta, as outras fontes de financiamento do organismo fan que o mesmo conte cun orzamento total superior aos 9 millóns de euros. De feito xa se anunciou que será o Consorcio quen invista 400.000 euros na ampliación do Museo do Pobo para o vindeiro ano e que esta mesma entidade corra cos 40.000 euros que custará modificar o nome do aeroporto de Lavacolla para Rosalía de Castro.

Continuidade nas transferencias
A Real Academia, pola súa banda, mantén a habitual achega de 520.000 euros anuais dos orzamentos da Xunta. Aínda que cabe pensar que a contía se incrementará por outras vías visto que o Goberno Galego prevé contar con esta institución "para a normalización e elaboración de contidos divulgativos que terán soporte nunha aplicación colaborativa relacionada coa microtoponimia", segundo adianta a memoria das contas para 2018. Continúa a Xunta a cumprir co MARCO e achegar os 100.000 euros anuais de apoio, e o mesmo acontece coa Fundación Camilo José Cela, (257.294 euros) e a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario (40.000). Hai melloras para o Museo do Mar, que ve un incremento de 100.000 en gastos capital e acada os 831.828 euros de orzamento. O incremento, primeiro en anos, pode ser o comezo dunha nova aposta por revitalizar este espazo logo do impulso que está a ter a exposición do Pergamiño Vindel. Outro que sobe, en 5.000 euros, é o apoio ao Real Padroado de Sargadelos, que chega aos 40.000.

Poucas novidades no CGAC
No caso do Centro Galego de Arte Contemporáneo, as contas fan prever unha política de continuidade. Mantéñense de xeito case unánime as contías de partidas como a de adquisición de obras de arte, (que logo de varios anos de ascensos continúa con 100.000 euros), publicacións, difusión e adquisicións de mobiliario e utensilios ou reparacións no edificio (50.000 euros anuais). A única suba destacable, logo de se ver recortada o pasado ano, é a de "Funcionamento do CGAC", que suma 50.000 euros e chega aos 760.000.

Concellos
Despois do incremento que se deu no pasado ano en canto a transferencias a corporacións locais, este ano os fondos para concellos verán unha certa diminución. Así 53.000 euros menos deixa a importante partida de "Actividades de promoción e difusión cultural para estas entidades", que suma 2.453.499. A estes súmanse 175.000 de convenios en materia cultural, e aínda os apoios sectoriais a nivel local a ámbitos como as bibliotecas, os arquivos ou patrimonio, que abordamos nas respectivas reportaxes.

Terceiro sector
A aparente integración dos 120.000 euros de "Axudas a entidades sen fin de lucro para a realización de actividades de promoción do libro e da lectura" nas "Axudas a institucións sen fin de lucro en materia cultural" explican que este último apartado chegue aos 420.000 euros en 2018, sen que a suma supoña necesariamente un incremento efectivo dos fondos dispoñibles, xa que é de agardar que as Feiras do Libro de Galicia absorban este incremento. Logo deste, o maior trasvase ao terceiro sector que prevén o orzamentos para 2018 é o que cobre "Actividades de Asociacións, Fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro", que recupera a perda de 2017 e medra 85.000 euros para acadar uns fondos de 393.613. Mantéñense as "Axudas a institucións culturais" en 60.100, e as bolsas xestionadas por entidades do terceiro sector no ámbito das bibliotecas e arquivos, con 324.346 euros, manteñen os fondos e supoñen unha das maiores partidas de apoio directo a estas organizacións. A estes súmanse outros 25.000 de axudas en materia de arquivos, 5.000 máis que en 2017. En canto aos apoios para que o terceiro sector desenvolva accións no campo do patrimonio, a achega da xunta fica paralizada en 2018, como vimos na análise correspondente. No ámbito de colaboración con asociacións e fundacións resulta rechamante que a memoria dos orzamentos para o vindeiro ano, que en xeral copia palabra por palabra a deste exercicio, retire as mencións á colaboración de Cultura coa Federación Galega de Teatro Afeccionado ou a Federación de Cineclubes.

Consello da Cultura Galega
A institución verá o seu orzamento incrementado nun 2.9% e contará con 2.547.225 euros. Fóra dos gastos correntes, as principais partidas son as destinadas a estudos e traballos técnicos, que perde 27.000 euros e fica con 307.522, e a de reunións, conferencias e cursos, que adquire 4.000 e chega aos 197.500. Entre as tarefas previstas no Consello para o vindeiro exercicio estará o peche dun ciclo sobre as Irmandades da Fala, a recuperación da figura de María Victoria Moreno e unha exposición que condensa o discurso Alba de Gloria que Castelao pronunciou en Bos Aires hai 70 anos. Ademais, a entidade adquiriu xa o compromiso de elaborar para a Xunta un informe que achegue datos básicos para a elaboración da Estratexia da Cultura Galega e desenvolverá análises sobre ámbitos como a presenza da muller na cultura galega, o ensino e a lingua galega entre os anos 2005 e 2017 e mais o monte e os bens patrimoniais.