As contas da cultura 2018: Lingua e libros

Os incrementos orzamentarios non anuncian mudanzas de importancia nas políticas sobre estes ámbitos

Os incrementos orzamentarios non anuncian mudanzas de importancia nas políticas sobre estes ámbitos
Por vez primeira logo de varios anos, o Proxecto de Orzamentos da Xunta para 2018 presenta incrementos destacados no ámbito cultural. En particular, os fondos de política lingüística medran un 11%, e ámbitos como os arquivos ben incrementada ata un 30% a súa achega. No entanto os incrementos non permiten albiscar novos obxectivos nin mudanzas destacadas nestes campos, e liñas como as axudas ao sector editorial non deixan de sufrir recortes.

Lingua: Coas mesmas frontes abertas, o programa de Fomento da Lingua Galega contará con máis fondos

Cuns grandes obxectivos que repiten, cando menos na declaración de intencións, os do pasado ano, o programa dedicado a lingua no proxecto de orzamentos para 2018 medra de xeito destacado por vez primeira en varios exercicios. O 11% máis de fondos con que contará este apartado deberá cubrir obxectivos xa coñecidos como os plans de dinamización na empresa e na mocidade.

Máis fondos para campañas
O investimento no programa de Fomento da Lingua Galega increméntase este ano, e pasa dos 6.819.086 euros a 7.623.085. Unha suba de 803.999 euros que supón un 11,7% máis a respecto do pasado ano. Este crecemento racha unha tendencia de varios anos de recortes e de estabilidade nestas partidas e sitúa os fondos no nivel de 2013. No entanto, este continúa a ser un dos ámbitos no que máis se seguen deixando sentir os recortes, xa que conta cunha terceira parte dos cartos cos que contaba en 2009. O incremento de fondos déixase sentir de xeito particular no apartado de Campañas de Normalización Lingüística, que sofre un importante incremento do 40% ao sumar 663.963 euros e acadar os 1.631.561. Canda a este, soben especialmente o investimento en edificios, de 1.000 a 12.000 euros, e o de publicacións, que obtén 4.000 euros máis e chega ás 59.500.

Repetición de obxectivos
Malia a este crecemento, poucas novidades no campo da normalización se poden agardar á luz dos orzamentos deste ano, e a propia memoria que acompaña as contas calca a presentada en 2017, algo por outra banda habitual. A falta de novidades, é de supor que os fondos de política lingüística se dediquen a novos desenvolvementos do Plan de Dinamización da Lingua Galega no Tecido Económico 2016-2020 e mais iniciar o Plan de dinamización do galego na mocidade, calendarizado para 2017-2020. No entanto, os obxectivos integrados en ambos plans mantéñense na memoria que acompaña os orzamentos sen máis mudanza a respecto do pasado ano do que as datas. Neste segundo caso, repítese, ao igual que en 2017, que 2018 será "un ano decisivo para rematar os traballos preparatorios e o diagnóstico detallado do grado de coñecemento e de utilización do galego pola xuventude en Galicia". Entre as accións, de novo se anuncia "a concreción das liñas de acción para impulsar un maior uso do galego por parte da xuventude" e a continuidade na "liña de acción dirixida a promover os programas de dinamización lingüística dirixidos ao público infantil e as súas familias".

Empresas
De cara ás empresas, repítense propostas como a "creación dun espazo único en liña de atención á empresa en temas de lingua que conteña a lexislación, as ferramentas e recursos lingüísticos e os modelos de documentos de uso frecuente, a elaboración e difusión dun decálogo de vantaxes a prol do galego na empresa, a valorización dos produtos coa etiquetaxe en galego" e mais "a posta en valor das experiencias prácticas, os casos de éxito e de uso do galego na empresa". A nivel económico, o plan destinado ao ámbito empresarial prevíase un investimento de 5.187.327 euros durante cinco anos, é dicir, unha media aproximada dun millón de euros ao ano. É de supor que a este destino deben de se inscribir os 700.000 euros de transferencias a empresas privadas para programas de promoción do galego, unha contía que se mantén conxelada desde a súa aparición nas contas para 2014, é dicir, de xeito previo á presentación do plan.

Pequenas novidades
Fóra dos grandes obxectivos, as novidades redúcense a accións concretas que se detallan na memoria. Así, para o vindeiro ano o programa de Fomento da Lingua Galega pretende "apoiar a investigación sobre o galego para impulsar proxectos e programas que faciliten a creación de ferramentas e medios técnicos ao alcance da cidadanía en lingua galega". Deste xeito, enuméranse como proxectos de referencia o portal xurídico e a base de datos de lexislación galega consolidada Lex.gal, xa en marcha, e mais a revisión e adaptación de contidos da Enciclopedia Galega Universal para a súa consulta en liña.

O patrimonio a través da lingua
Ademais, segundo a memoria, é a través deste programa que se vehicula a participación da Xunta como socio no proxecto Patrimonio Cultural da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal: Valoración e Innovación. Coñecido como GEOARPAD 1-E, esta iniciativa achegará, ao abeiro do programa Interreg V-A España-Portugal, un catálogo xeolocalizado no patrimonio nesta área. En concreto, a achega galega desenvolverase, segundo explicitan os orzamentos, "nun proxecto dirixido a xeorreferenciar a toponimia galega (Nomenclátor) en colaboración co Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Amtega". Ademais, con base nesta colaboración "realizaranse outros traballos coa Real Academia Galega para a normalización e elaboración de contidos divulgativos que terán soporte nunha aplicación colaborativa relacionada coa microtoponimia". No entanto, non figuran fondos desglosados para estas accións, polo que é de supor que a achega da Consellaría ás mesmas sairá do apartado "outros convenios" (que medra uns 14.000 euros e chega aos 140.000).

Proxección exterior
A proxección exterior da lingua a través dos lectorados verifica de novo un descenso, tanto no aparto de bolsas, que baixa en 4.000 euros e fica con 200.148, como nos fondos para a creación de lectorados e Centros de Estudos Galegos no Exterior, que perden case 20.000 euros e fican con 255.000 logo dunha certa estabilidade nos últimos tres exercicios. Semella que a aposta iniciada o ano pasado para que o Instituto Cervantes desenvolva accións de promoción da nosa lingua no exterior terá continuidade e permitiralle e á Xunta retraer fondos neste apartado.

Fondos locais e investigación
Do mesmo xeito, as chegas a corporacións locais (245.000 euros) non fan supor grandes mudanzas no funcionamento da Rede de Dinamización Lingüística á que están adheridos diferentes concellos do país. Do mesmo xeito, o Centro Ramón Piñeiro mantén os seus fondos para bolsas de investigación (187.133 euros) ao igual que as accións de promoción da lingua galega da man de entidades sen ánimo de lucro (39.507) e os 50.000 de convenios con medios de comunicación. Baixan, pola contra, os cartos para estudos e traballos de investigación sobre lingua, que perden 12.000 euros e fican en 475.670 euros. Pola súa banda, se ben a partida de formación para normalización sofre un recorte de 150.000 euros e contará unicamente con 350.000 no vindeiro exercicio, aparece cun novo apartado específico as achegas para impartir os cursos do CELGA, que contarán con 200.000 euros propios.

Libro e bibliotecas: Máis apoio aos arquivos e menos axudas directas ao sector editorial marcarán a política en 2018

Cun incremento de preto do 30%, os arquivos son os máis beneficiados no incremento de fondos no programa de Bibliotecas, Arquivos e Museos dos Orzamentos da Xunta para 2018. Fronte a isto, o dencenso no apoio ao sector editorial e o movemento de fondos para sufragar as feiras do libro preséntanse como as cuestión máis destacadas deste ámbito. En xeral os fondos do programa Bibliotecas, Arquivos, Museos e equipamentos culturais acadan un incremento de máis de 700.000 euros (un 3,7%) e chegan ao 18.836.988. Para alén dos 300.000 euros que medran os gastos de persoal, a partida xenérica para "Promoción da lectura e do libro" é a que ve un incremento máis destacado, dun 26%, a sumar 60.000 euros e chegar aos 223.000.

Menos apoio directo
Malia ao crecemento do programa, a industria editorial ve reducidas as partidas que lle achegan un apoio económico máis directo nos orzamentos de 2018. Deste xeito, o soporte á edición do libro en galego suma 30.000 euros e chega aos 178.460 euros, o que non supón unha mellora destacada logo dos 200.000 que perdera este apartado no pasado ano. A esta partida súmanse as continuístas de "Apoio á promoción, produción e edición do libro en galego" que mantén os seus 210.000 euros e, xa no programa de Fomento da Lingua, a de "Subvencións a empresas editoras para proxectos en lingua galega", que tamén segue a contar con 170.000. Os cartos destinados a lotes fundacionais e adquisición de fondos bibliográficos continúan nos 425.000 euros e non recuperan os 35.000 que perderan no pasado ano. O recorte máis destacado é a redución dun 50% dos fondos que xestionan os concellos para "adquisición de novidades editoriais en galego", que fican con 200.000 euros logo da súa estrea o pasado ano. En conxunto, a suma destas partidas supón 1.183.460 euros de apoio para o sector este ano, 170.000 euros menos que o anterior, o que supón un bo recorte logo do incremento de 64.400 que viran estas liñas no pasado exercicio.

Indirectos
Outros apoios indirectos ao libro como son os fondos orientados á promoción do libro e da lectura e os destinados a feiras do libro tanto autonómicas como internacionais combinan subas e descensos. Así, increméntase en 47.000 euros o investimento para apoiar feiras internacionais do libro, que acada 247.000 euros. Isto supón unha tendencia de crecemento lento mais sostido nos últimos exercicios se obviamos o pico de 400.000 de hai dous anos, a coincidir coa presenza de Compostela como Cidade Convidada na Feira do Libro de Bos Aires. Pola contra, afúndese por segundo ano consecutivo, o orzamento para Ferias do Libro de Galicia, que baixa de 30.000 a só 7.000 euros. No entanto, semella que, ao igual que o pasado ano, outra partida compensará esta baixada. Aínda que neste programa ningunha equilibra o investimento, si que semella darse un trasvase directo co traslado dos 120.000 euros que o pasado ano se destinaban a "Axudas a entidades sen fin de lucro para a realización de actividades de promoción do libro e da lectura" (unha partida aparentemente nada en 2017 para manter a achega ás feiras) que agora pasan a incrementar os fondos da partida "Axudas a institucións sen fins de lucro en materia cultural". Mesmo que eses cartos teñan o mesmo destino, a suma total de 127.000 euros implicaría unha mingua de 13.000 euros na aposta da Xunta polas Feiras do Libro. A suma coincide de xeito aproximado co sinalado polo propio conselleiro de Cultura Román Rodríguez, que indicou na súa intervención para explicar as contas ante o Parlamento que "en Galicia se dedican 120.000 euros ás feiras do libro" sen concretar máis.

O ano dos arquivos
Logo de varios exercicios sen incrementos significativos, os arquivos vense especialmente beneficiados polas contas deste ano, xa que a practica totalidade das partidas específicas para estes centros sofren incrementos, nalgúns casos, de importancia. Deste xeito, medran máis do duplo a respecto do pasado ano as que cobren Proxectos, informes e dirección (de 25.631 a 59.966) ou as destinados a "Adquisicións e restauracións do patrimonio documental", que aínda que non están orientados especificamente para arquivos, teñen unha indubidable relación cos mesmos (23.336 contra os 10.850 de 2017). Aínda maior é o crecemento relativo dos orzamentos para mobiliario nestes centros, que chegan a 24.000 euros fronte aos 8.835 que tiñan en 2017. As axudas a entes locais para investimentos en arquivos soben 20.000 euros e acadan os 71.740 e tamén as destinadas a institucións sen fin de lucro conseguen un incremento, neste caso 5.000 euros que as eleva ata os 25.000. Do mesmo xeito, os cartos para publicacións sobre arquivos pasan de 4.186 a 10.000 euros e as obras de conservación soben a 35.000 fronte aos 23.000 euros do pasado ano. Pola súa banda, 20.000 euros máis cubrirán actividades "Difusoras e de promoción de arquivos e de patrimonio documental", ás que se achegan 161.250 euros. De xeito similar engádese unha nova partida de actuacións de promoción e difusión de arquivos dotada con 8.000 euros, o que contribúe a reforzar este ámbito nos orzamentos. Fronte a estes incrementos os cartos para bolsas de conservación do patrimonio nestas entidades e para maquinaria, instalacións e utensilios fican igual (107.406 euros e 17.200 en cada caso). Se ben a suma das partidas é de apenas 169.900 euros máis do que os investimentos de 2017, supón un importante incremento porcentual do 31,3% a respecto dos fondos do pasado ano. Nese sentido, a memoria que acompaña os orzamentos apunta que entre as accións previstas para este ano está "desenvolver as previsións da lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, coa creación e posta en funcionamento do Consello de Arquivos de Galicia e do Consello de Avaliación Documental".

Bibliotecas
Tamén as bibliotecas recibirán mais fondo neste exercicio. A suba de 206.000, un 15% máis, deixa estes centros con 1.344.940 euros de fondos en diferentes apartados. Semella que son as achegas a entes locais para investimentos nestes centros os que absorben principalmente este crecemento, xa que pasan de 197.000 a 350.000 euros. Canda a isto, a creación dunha nova partida de Axudas á Dinamización Bibliotecaria e Cultural para Bibliotecas Municipais, dotada con 195.000 euros, aparece como a máis beneficiada no reparto e semella apontoar a aposta, xa iniciada no anterior exercicio, de dotar de maior músculo a administración local para xestionar estas entidades. Fronte a estes, outros apartados verifican transvases orzamentarios importantes. Así, dos fondos para actividades culturais de animación perden 142.000 euros e fican con só 98.000 euros, aínda que cabe pensar que serán os concellos os que cubrirán, coa nova partida comentada, este labor. O resto de apartados considerados, como son o de "Sistema Bibliotecario de Galicia" (335.000 euros), Bolsas para bibliotecas (216.940), Equipamentos e mais obras e reparacións para a Rede de Bibliotecas de Galicia (90.000 e 60.000 euros) repiten contías a respecto do pasado ano.