Novas obras continuarán a recuperación da Catedral de Santiago ata o 2021

A Xunta e a Fundación Catedral presentaron onte as actuacións previstas para os vindeiros anos

A continuidade dos investimentos xa previstos, canda a novas achegas que a Consellaría de Cultura cifrou en 15 millons de euros entre 2018 e 2020, permitirán a acometida de novos traballos de conservación e restauración na Catedral de Santiago. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e mais o presidente da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, presentaban onte o novo plan de traballos, que continuará as iniciativas que se desenvolven desde 2013 e que recibiron xa 9,2 millóns de euros.



Segundo adianta a Consellaríade Cultura, en 2018 abordaranse "actuacións nas cubertas da nave principal e cruceiro, nas cubertas da ala norte do claustro, nas cubertas e fachada oriental do claustro e Torre do Tesouro, nos paramentos e bóvedas da nave central e transepto, paramentos verticais da xirola e capela do Cristo de burgos". Para 2019 está prevista "a restauración do baldaquino, do Altar de Prata e do enreixado do Altar Maior, das pinturas do ciborio, transepto e capela Maior".