Os Orzamentos do Estado achegan investimentos culturais a Galicia

As rehabilitacións de bens patrimoniais marcan as actuacións

O proxecto de Orzamentos do Estado que se presentaba onte en Madrid inclúe entre as súas partidas varias iniciativas de interese cultural para o noso país. Os investimentos previstos nese campo responden na súa maior parte a traballos de rehabilitación. O Mosteiro de Melón, que recibirá medio millón de euros no marco das obras previstas no seu plan director, encabeza este tipo de partidas. Canda a este proxecto, obras na Catedral de Tui (498.910 euros), no cimborrio da Catedral de Santiago (471.790), intervencións no camiño francés en Paradela, Pedrafita, Portomarín, Samos e Triacastela (452.030), traballos na igrexa de Santa Comba de Bande (100.000), rehabilitacións nas murallas da Coruña e do Castro de Vigo ou reformas na sede da Real Academia son outras das actuacións previstas a cargo destes fondos.

Tamén, como estaba previsto, o estado financiará con 175.120 as investigacións arqueolóxicas na provincia de Pontevedra, no marco do acordo asinados para este fin coa Deputación Provincial. En Ourense, inclúense nas contas partidas para completar as obras da Biblioteca e do Arquivo Histórico Provincial, mentres en Compostela investiranse 4.795.000 no Consorcio da cidade algo menos do que no anterior exercicio.