A compañía de novo circo Pistacatro celebra o seu décimo aniversario presentando este sábado 18 de novembro o seu máis recente espectáculo Outono, circo-teatro e música en directo no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. A nova produción de Pistacatro reúne a parte dos seus membros fundadores para celebrar o máis difícil aínda: facerse maior. Aitor Garuz, Manu Lago, Natalia Outeiro e Pablo Reboleiro saen a escena baixo a dirección de Antón Coucheiro con este espectáculo que pretende ser unha homenaxe aos pallasos clásicos, contada a través dunha compañía de clowns en plena crise. Outono é un espectáculo de teatro-circo con música en directo (a cargo de Xavier Mera), que, segundo a compañía "nos conta a viaxe nostálxica de catro artistas ao seu pasado, unha celebración da amizade e dos fracasos, unha reivindicación de ser idiotas, unha ollada poética ao antigo oficio dos pallasos. Un reencontro cheo de emocións, verdade e humor."
Trailer OUTONO. Compañia Circo PISTACATRO from Pistacatro on Vimeo.




