A peza teatral Na butaca [fantasía nº3 en Dor Maior] chega á Sala Ártika de Vigo con tres representacións ao longo da fin de semana despois do seu paso por varias representacións benéficas desde o 21 de setembro. Esta obra producida desde a compañía Butaca Zero, aborda o tema do esquecemento como doenza tipo demencia ou alzhéimer. A peza, escrita e dirixida por Esther F. Carrodeguas, trátase dun solo de actriz de 50 minutos interpretado por Pepa Barreiro que cabalga entre o teatro contemporáneo e a danza a través do cal entramos dentro do pensamento dunha persoa esquecida. O proxecto Na butaca nace da convivencia persoal con persoas afectadas de demencia senil. Esther F. Carrodeguas e Pepa Barreiro xúntanse para, dende o amor, falar en escena dunha realidade tan marxinal como habitual. Do encontro nace un texto tan poético como optimista, aínda que tamén duro por momentos. Na butaca aborda de maneira poética e optimista o tema do esquecemento como doenza tipo demencia ou alzhéimer que adoita instalarse nas mentes de persoas de certa idade. A obra, partindo da idea do vivir no presente desa personaxe que está esquecida -perdida do seu pasado e do seu futuro, tamén- achéganos a unha realidade que por veces nos amosa paz e outras angueira; felicidade ou rabia. E xunto a ela imos do cómico ao escatolóxico pasando polo transcendente. O proxecto compleméntase coa edición do texto a cargo da Editorial Galaxia e a realización de obradoiros de Teatro e Memoria deseñados para diferentes colectivos que funcionarán como dinamizadores culturais, tentando a creación de novos públicos para o teatro contemporáneo. A produción poderá verse este venres e sábado ás 21:30 horas e o domingo ás 20 horas na Sala Ártika de Vigo.