A Axencia de Turismo comeza a preparar o Xacobeo 2021 con rehabilitacións e concertos

O organismo incrementa os seus orzamentos un 25% este ano

Cun incremento dun 25% no seu orzamento para 2018, a Axencia de Turismo de Galicia comeza a preparar o Xacobeo 2021 cunha partida específica para a rehabilitación e acondicionamento de infraestruturas nas vías de peregrinación. Así o anunciou onte a directora deste organismo, Nava Castro, durante a súa intervención ante o Parlamento de Galicia para dar a coñecer as contas da entidade. Dentro das actuacións máis vencelladas coa cultura, a Axencia investirá un total de 3 millóns de euros para a realización de eventos durante os tres anos previos ao vindeiro Ano Santo. A programación está prevista que inclúa concertos no recuperado Parque do Monte do Gozo así como nas diferentes cidades galegas.



A conta da nova partida de recuperación de camiños, as actuacións do vindeiro ano centraranse no Camiño Portugués, para o que están previstas obras de acondicionamento e sinalización por valor de 2,5 millóns de euros que afectarán tamén ao Camiño Portugués da Costa. Traballos similares se desenvolverán tamén no Camiño de Fisterra-Muxía.

Castro desglosou na súa intevención outras intervencións de carácter patrimonial incluídas nos orzamentos para o vindeiro ano, como son a rehabilitación do antigo balneario de Cortegada ou o remate da execución do proxecto Mariña Virtual, en Foz. Tamén está previstas a posta en marcha do novo Centro de Interpretación do Viño do Condado de Tea, en Salvaterra do Miño, o Proxecto Porta do Trega, na Guarda ou a creación dun observatorio astronómico na Veiga.