Novembro trae o Cineuropa máis revolucionario

Costa-Gavras será premiado polo festival que ofrecerá a pre-estrea de 'A estación violenta'

Do 7 ao 28 de novembro, Compostela acolle a trixésimo primeira edición do festival Cineuropa. 264 filmes e 17 seccións nun certame que medra este ano en proxeccións, en número de premiados, en xornadas e espazos de exhibición. O director de orixe griega Costa-Gavras recibirá un dos Premios honoríficos de esta edición, xunto aos directores españoles Manuel Martín Cuenca e Carla Simón, tamén o actor arxentino Leonardo Sbaraglia recibirá un dos Premios Cineuropa 2017.José Luís Losa, director de Cineuropa 31, detallou onte nunha rolda de prensa a programación desta nova edición, e incidiu na súa reivindicación do cinema como experiencia colectiva e na especial atención que o certame presta este ano á mocidade para contribuír á xeración de novos públicos. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, conduciu a rolda de prensa que contou tamén coa presenza da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra.

Será o filme La Villa, do realizador francés, Robert Guédiguian, o escollido para a apertura desta edición nunha sesión inaugural que terá lugar o martes, día 7 de novembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal. Con 37 filmes na Sección Oficial Europea o festival ofrece unha ampla seleccións dos filmes máis aplaudidos do último ano no circuíto de festivais, como Cannes ou Venecia. A sección inclúe unha sesión especial coa proxección en pre-estrea do filme A estación violenta, da realizadora galega Anxos Fazáns. A proxección da película, baseada na novela homónima de Manuel Jabois e rodada entre Compostela e a Illa de San Simón, contará coa presenza da autora pontevedresa, que manterá un coloquio co público asistente o sábado 25 de novembro ás 20:30 horas. Entre as novidades deste ano, figura tamén a convocatoria para seleccionar a un Xurado Novo, que comporán sete mozas e mozos de entre 18 e 25 anos e que entregarán Premios á Mellor Película, Mellor Director, Mellor Guión, Mellor Interpretación Feminina e Mellor Interpretación Masculina.

Ollada sobre as Revolucións
Como novidade, en conmemoración do 100º aniversario da Revolución de Outubro de 1917, a 31ª edición propón un ciclo temático que, baixo o título Novecento: o século das revolucións, reúne unha ampla escolma de filmes capitais para a unha reflexión crítica do devir internacional do século XX. Así, ao longo do mes de novembro, Cineuropa 31 ofrécenos a posibilidade de redescubrir clásicos como O Acorazado Potemkin (1925), de Sergei M. Eisenstein; La Chinoise (1967), de Jean Luc Godard; La Batalla de Chile (1975-79), de Patricio Guzmán, ou Le fond de l’air est rouge (1977), de Chris Marker, pero tamén garda lugar para outro tipo de aproximacións a estes momentos históricos, como a que ofrecen as pezas Nicholas and Alexandra (1971), de Franklin J. Schaffner, ou Marie Antoinette (2006) de Sofia Coppola.

22 fitas do Panorama Internacional
Juliana Rojas, Marco Dutra, Frederick Wiseman, Naomi Kawase, Michel Franco, Cristiane Oliveira, João Moreira Salles, Chloé Robichaud, Javier Izquierdo e Lucrecia Martel son só unha parte das grandes figuras cinematográficas que congrega esta sección dedicada á contorna internacional. Nela, destaca a estrea estatal de Napalm (2017), do xornalista e realizador Claude Lanzmann, no que o reconstrúe a súa traxectoria como activista en Corea do Norte durante a Guerra Fría, e o filme Lucky (2017), de John Carroll Lynch, o último traballo interpretativo do finado actor Harry Dean Stanton.

Alén dos programas mencionados, o festival inclúe seccións ben coñecidas polo público de Cineuropa como LatidoAmericano, Fantastique Compostela, Docs Cineuropa; Panorama Audiovisual Galego, Cinefilias: Cult Movies e o tradicional Maratón. O catálogo desta edición inclúe tamén unha sección dedicada ao Cinema e Dereitos Humanos, unha ollada retrospectiva ás obras de Pedro Pinho e Claude Saudet; un ciclo para a rapazada, Cineuropa Miúda; o Foco Islandia e o programa 10 Sombras Recobradas, alén de concertos en colaboración con outras iniciativas culturais de Compostela, como a tempada de abono da RFG, as Xornadas de Música Contemporánea e o Ciclo de Outono da Banda Municipal.
Canda o Teatro Principal, o Salón Teatro, o Centro Galego de Arte Contemporáneo, a sede da Afundación, o Auditorio de Galicia e o cinema Numax, a rede de pantallas do festival amplíase en 2017 coa incorporación dos Multicines Compostela. As entradas e abonos estarán á venda a partir da tarde do venres, día 3, tanto nos despachos de billetes como por internet.
Ligazóns