Onte no Liceo de Ourense comezou a súa andaina formal en Ourense a Fundación Eduardo Blanco Amor. Promovida pola Deputación de Ourense e presidida por Manuel Baltar, a fundación terá por obxectivos "a promoción e tradución da obra blancoamoriana, así como na investigación, catalogación, conservación do arquivo documental, e realización de actividades culturais e de dinamización sociocultural" ao redor da figura do ilustre escritor ourensán. A fundación terá entre as súas primeiras tarefas a catalogación e conservación do arquivo documental do escritor, que é propiedade da Deputación de Ourense, e da documentación relacionada con el. Son membros do seu padroado Gonzalo Allegue Otero, Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda, Eduardo Camilo Bóveda Sebastián, María Soledad Do Muiño Cid, Luís González Tosar, Ángeles Fernández Pérez, Bieito Iglesias Araujo, Carlos Laiño Lorenzo, Arturo Lezcano Fernández, Siro López Lorenzo, Acisclo Manzano Freire, Maribel Outeiriño Rodríguez e Luís Pérez Rodríguez, así coma o Concello de Ourense, a consellería de Cultura da Xunta e a editorial Galaxia. A Presidencia da fundación recae no presidente da Deputación de Ourense e o vicepresidente será o representante da familia de Blanco Amor de maior grao de consanguinidade.