O XII Premio Jesús Núñez de Arte Gráfica vai para Federica Bau

A artista italiana foi bolseira na fundación CIEC de Betanzos

<i>270D</i> de Federica Bau.
270D de Federica Bau.
A Deputación da Coruña daba a coñecer onte o fallo do xurado do XII Premio Jesús Núñez de Arte Gráfica. O galardón, dotado con 6.500 euros e unha exposición, foi para a obra 270D, da creadora italiana Federica Bau. O xurado apuntou que este traballo posúe "gran rotundidade estética e con gran dominio da técnica" e que se trata "dunha peza suxerinte, que atrapa a mirada evocando múltiples lecturas". A obra emprega técnica de augaforte e augatinta brunida. Ademais, o xurado outorgou senllos accésits, consistentes en bolsas de matrícula dun módulo do Máster de Obra Gráfica da Fundación CIEC ao mexicano Carlos Castañeda pola obra Con la luz mi existencia se hace visible e Carmen Isassi por Anhelo y brizna. Ademais, concedeu unha mención de honra a Sen título da francesa afincada en Madrid Chloe Tiravy.

Federica Bau, nada en Sesto San Giovanni, Italia, realizou un master e foi bolseira da Fundación CIEC de Betanzos. O xurado estivo composto por Jesús Núñez, Rosario Sarmiento, Ánxela Caramés, David Calle e José Rincón coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei como presidenta e a xefa de servizo da área de Cultura, Mercedes Fernández Albalat, como secretaria.