David Calle gaña o XI Premio Jesús Núñez de Arte Gráfica

Asunta Rodríguez foi recoñecida nos premios Mulleres nas Artes Visuais

A Deputación da Coruña daba a coñecer onte o ditame do xurado do XI Premio Jesús Núñez de Arte Gráfica, que organiza esta entidade. O xurado seleccinou o traballo 150 horas, de David Calle, entre as 120 obras que se presentaron a esta convocatoria. Segundo o xurado, o traballo deste artista de Lleida "cobra poder dende o silencio e a minuciosidade. O enigma sérvese dun grafismo que fala do paso do tempo e o proceso para comunicar o seu proxecto". O galardón reportaralle a Calle 6.500 euros en metálico e unha exposición na Fundación CIEC. Ademais, outorgáronselles accésits aos traballos Asentimiento irregulares de Rubén Morales, Diáfora de Carmen Jiménez e Drypoint on Zerkall Bütten de Michael Paul.

Pola súa banda, Asunta Rodríguez, fundadora da compostelá Galería Trinta, foi galardoada co premio MAV á mellor galerista. A organización estatal Mulleres nas Artes Visuais entrega anualmente estes galardóns, e recoñeceu na galardoada a "súa extensa traxectoria como galerista e o seu apoio ás mulleres creadoras, desde unha posición periférica afastada dos centros de poder; e aínda que non deliberadamente feminista, entendeuse que tamén hai outras formas de traballar a cuestión de xénero. Tamén se destacou a súa aposta indiscutible pola calidade na selección de proxectos, que fixo da súa Galería un espazo referente na arte Contemporánea". Precisamente, Lugo acolle este ano a entrega dos galardóns e a asemblea xeral desta asociación. Será o vindeiro 10 de decembro no Pazo de San Marcos.