Ames acollerá o Festival Internacional Cinema Crianza

Bota a andar a XXXIX Semana de Cine de Autor de Lugo

Imaxe de <i>Cinema Crianza</i>
Imaxe de Cinema Crianza
Un festival de cinema orientado ao público máis novo. Esta é a proposta de Cinema Crianza, o evento que acollerá o concello de Ames entre os vindeiro 15 e 17 de novembro e que se presentaba onte en colaboración coa Deputación da Coruña. O proxecto, coordinado pola cooperativa Urdime, pretende "ofrecer unha proposta cultural de calidade para as familias ao tempo que se promove o gusto polo cinema entre os máis cativos e contribúe á formación dun público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual". Animación, ficción ou documental, clasificados por rangos de idade, farán parte desta oferta pioneira na nosa axenda cultural. Co programa aínda por fechar, o festival achegará dúas seccións competitivas de curtametraxes e unha programación fóra de concurso. O prazo para a inscrición de pezas audiovisuais remata o 30 de outubro e xa recibiu arredor dun milleiro de filmes.

Pola súa banda, a XXXIX Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo abría onte as súas portas. O programa do evento, que se desenvolve ata o vindeiro 23 de setembro, inclúe máis 90 filmes de 65 países encadrados en dez ciclos diferentes. A Biblioteca Municipal, o Museo Provincial, Museo Interactivo da Historia de Lugo, o Vicerreitorado da Universidade (Casa do saber), o Vello Cárcere, o Pazo de San Marcos e o Auditorio Gustavo Freire acollerán as diferentes proxeccións. Nesta xeira o festival rende homenaxe ao mindoniense Victoriano López García, Fundador e Director do Instituto de investigacións e experiencias cinematográficas, e primeiro lucense en gañar un Premio Goya coa proxección varios dos seus traballos no marco do programa.