Comeza a VIIª edición do Festival Internacional Cinema Miudo de Ames

Proxectará máis de 70 curtametraxes e dará un novo premio co nome do Hematocrítico

Proxectará máis de 70 curtametraxes e dará un novo premio co nome do Hematocrítico
Dende hoxe a ata o vindeiro domingo, 17 de novembro, o Concello de Ames celebra a sétima edición do festival internacional de cinema infantil de Ames, Cinema Miudo, un evento propio e diferenciado entre os certames audiovisuais. As Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns transformaranse no epicentro do cinema infantil cunha programación de máis de 70 curtametraxes, talleres, e actividades especiais. Esta edición, baixo o lema 'As orixes do Cinema', convida á cativada a unha viaxe pola historia da sétima arte, desde os clásicos do cinema mudo ata as animacións máis contemporáneas. Nas sesións 'Pioneiros da Animación' e 'Pioneiros da Comedia', novidade deste ano, os espectadores poderán gozar dos gags de Charles Chaplin, Harold Lloyd e Buster Keaton, así como acceder aos históricos da animación e ás producións máis anovadoras.

O centro da programación é a Selección Oficial, formada por 52 curtametraxes das cales 7 serán proxectadas por primeira vez en España e outras 14 son primicia en Galicia. A selección de curtametraxes procedentes de diversos países permitirá a cativada descubrir realidades culturais distintas e ampliar a súa visión do mundo. As curtametraxes da Selección Oficial están divididas en dous bloques: 'Axóuxeres', para nenas e nenos de entre 2 e 7 anos; e 'Buxainas', para maiores de 7. Tamén haberá sesións especiais para escolares xoves e venres pola mañá. Como novidade nesta edición daranse dous novos premios: un premio escolar, que levará a curta máis aplaudida durante as proxeccións que se fagan nas sesións escolares, e mailo premio 'Miguel López, O Hematocrítico', que será para aquela curta que teña unha relación directa coa literatura infantil.
Ligazóns