Os riscos identitarios da Enciclopedia

Repasamos algúns dos xeitos nos que a Gran Enciclopedia Gallega influíu na configuración da nosa cultura

Repasamos algúns dos xeitos nos que a Gran Enciclopedia Gallega influíu na configuración da nosa cultura
Os xeitos nos que deixou a súa pegada na nosa sociedade foron múltiples. A partir do traballo Gran Enciclopedia Gallega (1974-1991). La forja de una identidad que publicou Trea, repasamos algúns dos principais influxos deste compendio de saberes en diferentes ámbitos da nosa realidade. A importancia do mundo rural, o foco no período medieval, o vencello coa terra ou unha certa ollada cara ao interior son algúns dos riscos máis claros neste sentido.

Os investigadores franceses coordinados por Christine Rivalan Guégo presentaron o pasado mes de outubro en Compostela un estudo a salientar o impacto que a Gran Enciclopedia Gallega produciu en diferentes espazos da nosa sociedade. Gran Enciclopedia Gallega (1974-1991). La forja de una identidad, publicado por Trea, amosa os múltiplos ámbitos nos que cómpre mencionar esta obra como un referente. Desde visións populares da nosa realidade a estudos pioneiros ou á creación dun canon en diferentes disciplinas, os volumes deste compendio deixaron pegadas intensas na nosa cultura.

Pioneira
No momento en que se creou a enciclopedia, non existía ningunha compilación similar de coñecemento no noso país. A maiores, dentro da propia obra houbo contidos resultaron pioneiros, como os tres fascículos completos que Rosario Álvarez e Francisco Fernández Rei lle dedicaron á voz Gallego. Segundo apuntaba Xesús Alonso Montero na presentación do estudo sobre o proxecto, "aquilo era unha auténtica monografía sobre a lingua, nun momento non que non existía nada así. Abordábanse as características, a historia, a problemática da lingua e aspectos gramaticais fonolóxicos ou históricos. Calquera que quixese saber sobre o galego tiña que consultar eses fascículos", salienta o que foi un dos coordinadores durante a elaboración desta publicación.

Canon
Unha das influencias decisivas da Gran Enciclopedia no noso país foi a súa achega á construción dun canon en diferentes disciplinas académicas. Tal e como lembraba Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, na presentación da investigación dos franceses, "había materias nas que ese canon estaba a se elaborar, como a Antropoloxía, a Historia Literaria, a Economía ou a Historia". Este ciclópeo traballo "contribuíu a esa creación. E con iso fíxose un instrumento que nos permitiu estimular a investigación sobre Galicia". Nese sentido, considera que "non foi un resumo do que se sabía cando se fixo, senón que se elaborou como un aliciente para saber máis. E isto paréceme moi importante. Polo xeral as enciclopedias amosan un ollar estático sobre o mundo, pero aquí atopamos unha visión dinámica que vai mudando e que ademais incentivou moitas novas investigacións". Villares foi autor da introdución á obra publicada por Trea, un texto no que apunta algúns dos principais riscos que se poden atopar no compendio promovido por Silverio Cañada.

Investigación
A amosar o papel diferencial que esta obra desenvolveu no ámbito cultural e universitario do país, Christine Rivalan, coordinadora da investigación, pon un exemplo. "No libro recollemos un caso real dun un artigo académico de Historia que se inicia a citar unha entrada da Enciclopedia. E citar unha enciclopedia é algo que un profesor desaconsella sempre a un alumno. No entanto, nesta obra hai resumos de teses, elementos que renovaron as perspectivas de análises dun tema, e isto explica por que se pode empregar deste xeito tan sorprendente". Do mesmo xeito, o equipo recolleu testemuño "do uso que se facía da enciclopedia por parte de xornalistas, ou investigadores" como unha obra de referencia que citar, algo que non se dá noutros países nin con outras obras deste tipo e que amosa ata que punto se constituíu nun referente do saber sobre Galicia.

Ollada ao interior
Outra grande perspectiva que percorre o conxunto da obra, segundo lembraba Villares no acto de presentación, é "o problema de cómo entender Galicia, e non só a cuestión da lingua". Nese sentido unha peculiaridade é o feito de que a imaxe de Galicia que se contempla na Enciclopedia é a dun país illado. "A ollada estaba ensimismada cara a dentro. Na obra apenas hai referencias ao exterior, con pouca presenza de Portugal, España ou Europa. Nin sequera se atopan as necesarias mencións a América malia ao peso que ten a emigración", lembra Villares, quen atribúe esta tendencia "á pulsión extraordinaria por dicir qué somos nos" que se vivía durante o proceso de elaboración.

Retrato da transición social
En particular, un dos eixes que os investigadores coinciden en sinalar na obra é a transición dunha Galicia fundamentalmente rural a un mundo urbano. "Aparece o peso da tradición, que se reivindica como base para o progreso", asegura Rivalan. Do mesmo xeito, Villares recoñece que "hai un predominio claro do rural sobre o urbano, reflíctese a marcha dun mundo e a chegada doutro que non se ten claro. Amósase un tránsito que ao tempo ten a vontade de redimir a sociedade".

Historia e lingua
Na introdución do volume editado por Trea, Ramón Villares salienta a maiores algúns dos factores de identidade común que o grupo de investigadores conseguiu debullar na Gran Enciclopedia. Así, está a importancia que lle dá á historia "con especial vindicación da época antiga e medieval", a heráldica, as biografías e a selección de episodios singulares como algúns dos elementos destacados neste sentido. Tamén se dá unha importante reivindicación da lingua, "como se advirte na sistemática galeguización da toponimia e de boa parte da onomástica, así como na introdución dos nomes galegos da flora e da fauna", malia a estar a obra escrita en castelán, advirte Villares.

Fotografías
Nesta mesma liña obsérvase nas fotografías "un predominio dos espazos físicos como definidores de Galicia. Case todas as imaxes son de espazos naturais. Aí amósase a perspectiva da Xeración Nós sobre a Terra" como fundamento do país, segundo sinalaba Villares na presentación da obra. Ademais, e a teor da investigación do equipo francés, dáse un predominio das representacións da terra sobre as do mar e son masivas as fotografías de paisaxes nas que non aparecen persoas, outorgándolle ao territorio un forte carácter identitario. "As imaxes actúan como un inventario visual do que é Galicia", explica Rivalan. Ademais de fotografías a obra recolleu abondosas representacións de escudos, reproducións de documentos e cabeceiras de prensa ou mapas dos diferentes concellos, entre outros recursos gráficos, que se converteron para unha importante parte da poboación do país en referentes visuais cos que pensar o país.

Terra
Do mesmo xeito que as fotografías, a importancia dos contidos sobre as ciencias da terra marcaron tamén en boa medida a visión que se dá de Galicia na obra. Así, por exemplo, a colaboración de Isidro Parga Pondal permitiu que a obra contase con destacadas entradas sobre xeoloxía. Ao tempo que reivindicaba a figura deste investigador represaliado polo franquismo, a profusión de entradas sobre estas cuestións, máis de mil, dá nunha "certa retroproxección xeolóxica da identidade galega a través da insistencia na orixinalidade xeográfica e xeoloxia" no noso país, segundo resume Villares.

A maiores, o estudo do equipo francés salienta outros elementos que se poden destacar do conxunto da Gran Enciclopedia, entre eles a extraordinaria acollida que tivo este proxecto e sen a que non tería chegado a ter importancia que posúe na nosa cultura. Unha cuestión que abordamos na última reportaxe da nosa serie.