Os museos etnográficos galegos analizarán a súa situación

Compostela e Vigo albergarán o Seminario Museos, etnografía e antropoloxía

13/9/2017 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: patrimonio
1 lecturas | Compartido 0 veces

O Museo do Pobo Galego, en Compostela, e mais o Museo Liste de Vigo acollerán entre os vindeiros 28 e 30 de setembro o seminario Museos, Etnografía e Antropoloxía. Este encontro quere reflexionar sobre o patrimonio etnoantropolóxico, os conceptos de patrimonio material e patrimonio inmaterial e analizar "os problemas e perspectivas actuais dos museos, coleccións, ecomuseos, recoñecidos ou non oficialmente, incluíndo parques temáticos, centros de interpretación, aulas didácticas..., de tema etnográfico e/ou antropolóxico en Galicia". Así, no programa participan representantes de entidades como o Museo Etnolóxico de Ribadavia, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o Museo da Terra de Melide, o Museo de Vilar de Santos, da Rede Museística provincial de Lugo, ou do Museo Massó entre outros. Ademais, haberá representantes de centros de Portugal e investigadores das universidades de Barcelona, Porto ou Oviedo.
A museística local, a cuestión das identidades alternativas na museística etnográfica, os museos etnográficos portugueses ou as posibilidades destes centros como espazos de aprendizaxe son algunhas das cuestións que se abordarán no encontro.

Universo culturagalega.gal