A 26 FIOT chega con novos espazos e máis coproducións

Carballo acolle desde o 16 de setembro a nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo volve con forza na súa nova edición, que bota a andar o vindeiro 16 de setembro. A que será a vixésimo sexta xeira deste evento achegará 34 obras, 3 coproducións, 7 estreas absolutas e 9 estreas en Galicia repartiras entre a programacion de sala, o Ciclo OTNI, Rúas dos Contos, Microteatro e Fiotiño. Precisamente as coproducións collen importancia na nova edición, co primeiro traballo da compañía local profesional Galeatro, a nova proposta dos barceloneses Atrebandes e unha última colaboración con Contraproducións que "conmemoran o centenario do falecemento de Eduardo Pondal" na súa nova montaxe. A aparición de novos espazos escénicos e outra das peculiaridades da nova xeira. Así, o FIOT estrea o Certame Microteatro Metro Cadrado (M²), que, segundo explica a organización "estende o teatro a outros espazos fóra de sala e busca novos formatos e discursos para chegar a un espectro máis amplo de público". Mantéñense os programas paralelos como a Escola do Espectador, o Café con, o Teatro de Rúa, a exposición Zoom FIOT, o Dálle un Bocado o os obradoiros.




A nivel de compañías, esta xeira contará con artistas procedentes de España, Reino Unido, Bélxica e Portugal. Incendios, de Ysarca e Teatro de la Abadía con Nuria Espert preséntase como un dos pratos fortes do programa, no que tamén se poderá ver El ciclista utópico de Feelgood Teatro. Canda a estes, Cirk About It, Titzina Teatro, Buxman, Kamikaze Producciones, El Pont Flotant, Los Números Imaginarios, Okidok, Quico Cadaval, IlMaquinario Teatro, Contraproducións, Paula Carballeira, David Perdomo, Pepe Capelán, Carta de Ajuste, Marta Lado, Alberte Montes, Aldaolado, Oswaldo Digón, Pedro Brandariz e Víctor Grande, Os Fillos do Estramonio, Roberto Alvite e Rebeca Amor, Entretrés, Sal do Teatro, Prácido Domingo, Tukumpas Teatro, Iria Sobrado e Galeatro subirán tamén ás táboas de Carballo ata o vindeiro 28 de outubro.