O PP ábrese a que o Pazo de Meirás sexa público mediante accións legais

Un grupo de activistas realizou unha ocupación simbólica do monumento esta mañá

30/8/2017 | Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:

A Deputación Permanente do Parlamento de Galicia abordou onte, a petición dos grupos de PSdeG, Marea e BNG, a cuestión de que acción está a tomar a Xunta para modificar a actual situación do Pazo de Meirás. En resposta a este requerimento o voceiro do PPdeG, Pedro Puy, apuntou que o seu grupo está a favor de que o monumento, declarado Ben de Interese Cultural, volva ao dominio público, para o que considera que se deben empregar vías legais se a propia familia non opta por unha devolución voluntaria. Na súa intervención, Puy recoñeceu que a propiedade do pazo, aínda que legal, ten "un vicio na súa adquisición" ao se realizar con coaccións "en plena guerra civil". Ao tempo, apuntou que a situación actual do monumento pode "ofender a moitas vítimas do franquismo" e amosouse de acordo en que "debe evitarse a toda costa". O monumento, en mans da familia Franco, está a resultar especialmente polémico este verán logo de que a fundación que leva o nome do dictador pasase a xestionar as visitas ao espazo e a empregalas para enxalzar a figura de Franco.

Precisamente esta mesma mañá un grupo de activistas realizou unha ocupación simbólica do pazo e colgou desde unha das súas torres unha faixa coa lenda "O Pazo é do Pobo Galego. Franquismo Nunca Máis" e outra a reclamar "Que nos devolvan o roubado". En apoio a esta acción, o BNG convocou unha concentración diante do monumento para solicitar a devolución ao dominio público do espazo.

Que che parece esta nova?
42 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Pazo de Meirás, Franquismo, BNG, Ben de Interese Cultural...