Chévere fara un repaso a 24 anos de Ultranoites con unha antoloxía

Os espectáculos formarán parte da celebración do trinta aniversario da compañía

A compañía teatral Chévere segue a festexar os seus trinta anos de prolífera e exitosa actividade. Se este mes de xullo recuperou a modo de celebración tres das súas máis emblemáticas montaxes musicais facendo representacións de Río Bravo, Annus Horribilis e a Ultranoite no país dos ananos, agora tocaralle a quenda a un repaso do mellor dos 24 anos de Ultranoites nunha “antoloxía” destes espectáculos periódicos creados en 1993 na Sala Nasa de Santiago e que aínda seguen tendo novas edicións na súa actual sede da Ramallosa (Teo). Será xustamente neste lugar e ao longo de tres fins de semana do mes de setembro cando Chévere ofrecerá, nas súas propias verbas “unha paradiña na historia da Ultranoite para recrearnos xunto ao público nalgún deses números irrepetibles que seguen aniñando nas nosas fráxiles memorias.” No mes de xaneiro de 1993, o grupo Chévere creou un espectáculo titulado Ultranoite para a Sala Nasa. Tratábase de poñer en valor e actualizar xéneros populares como o teatro de variedades, a revista ou o cabaré. Fíxose un chamamento a actores, actrices, músicos, vedetes, cantantes e artistas en xeral que estivesen dispostas a usar o teatro, a música e o vídeo para facer escarnio da actualidade política, cultural, económica e social. A Ultranoite converteuse nun dos sinais de identidade do teatro en Galicia. Un lugar de encontro e colaboración para artistas, no que se xestaron amizades, relacións, espectáculos e, sobre todo, unha complicidade total cun público que non deixou de medrar durante máis de dúas décadas.

Desde a compañía xa están a preparar unha selección de momentos memorables e de grupos e artistas que pasaron polo escenario escollendo números, cancións, vídeos ou personaxes representativos do espírito indómito da Ultranoite, “que marcaran unha época, que sobrevivisen ao olvido ou que simplemente nos gustaría volver a poñer sobre o escenario.” En Chévere ademáis están abertos a escoitar propostas do público de cara esta montaxe coa que levantarán o pano na Ramallosa os días venres 8, sábado 9; venres 15, sábado 16; e venres 22, sábado 23 do mes de setembro. As entradas adiantadas xa están á venda en Redenasa.tv (internet), e a partir do 28 de setembro en: A Santa Sede (Ramallosa), A Senra (Pontevea), A Capilla (Calo), Panadaría San José (Cacheiras) e bar El Muelle (Compostela).