O Rexenera Fest leva a Carballo nove creadores internacionais

A cita de arte urbana ábrese á escultura na nova edición

Desde onte e ata o vindeiro 4 de xuño os muros de Carballo están de festa. Unha nova edición do Rexenera Fest leva á vila nove creadores de arte urbana de sona internacional. Así, o italiano Jorit, o cambrés Yoseba MP, a arxentina Animalito Land, o coruñés Sekone, os barceloneses Saturno e Cita Vidal, o mexicano Curiot, e a coruñesa Iria Fafián serán os responsables dos novos murais de grande formato que enriquezerán o patrimonio artístico da vila. A maiores, e na liña de abrir o festivais a novas disciplinas artísticas de rúa, o pontevedrés Isaac Cordal realizará unha instalación escultórica. Ademais do proceso de elaboración destas obras, o programa inclúe dúas clases maxistrais dedicadas respectivamente ao starcido e ao aerosol, ademais dun roteiro guiado polas creacións das anteriores edicións do festival. A festa de clausura desta xeira contará cun concerto a cargo de Igmig, Alto Asalto, 2 Pasos e Thomas Dylan o sábado día 3.