A Xunta promove as Illas Atlánticas para ser Patrimonio da Humanidade

Sería o primeiro espazo natural do país en obter a declaración

Coa Ribeira Sacra a aspirar polo recoñecemento da UNESCO desde hai 18 anos, a Xunta de Galicia anunciaba onte o comezo dos trámites para obter outra declaración de Patrimonio da Humanidade no noso país. A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, asegurou que o Goberno Autonómico lle remitiu ao Ministerio de Cultura "a documentación que ten por obxecto xustificar o valor universal excepcional deste parque". Segundo explica a nota da Xunta, o informe destaca "as compoñentes naturais e paisaxísticas de valor contrastado, así como a súa contorna inigualable para a contemplación e o gozar do medio natural, tanto na área costeira como na mariña; e a riqueza e diversidade dos ecosistemas submariños". Deste xeito, a Xunta considera que o espazo cumpre catro dos dez criterios que o Comité de Patrimonio Mundial establece para todo aspirante a este recoñecemento. De obtelo, sería o primeiro espazo natural do país en contar con este título.

Os responsables da Xunta evitaron falar de prazos para conseguir esta declaración, que debe obter primeiro o apoio do Consello do Patrimonio Histórico Español para facer parte da listaxe que cada ano o Estado eleva á UNESCO para a súa avaliación.