Elefante Elegante confronta dous conceptos de viaxe en ‘Tropical’

A compañía ofrece o seu novo espectáculo estes días no Salón Teatro de Santiago

A compañía ofrece o seu novo espectáculo estes días no Salón Teatro de Santiago<br />
A compañía Elefante Elegante, recente gañadora do Premio María Casares á mellor obra de teatro infantil por , inicia estes días no Salón teatro de Santiago a xira do seu novo espectáculo Tropical. Este venres 12 e o sábado 13 (20,30 h.) e o domingo 14 (18,00 h.) ofrecerán representación abertas ao público xa que desde o pasado día 10 estiveron ofrecendo representacións matinais concertadas para grupos escolares. Esta proposta escénica, que formou parte do programa de residencias do CDG, preséntase como un espectáculo sensitivo, universal e evocador, que mergulla o espectador no universo da viaxe e na súa vasta riqueza de matices e dimensións. María Torres e Gonçalo Guerreiro asumen a dirección dunha peza na que eles mesmos actúan. Contan, ademais, cun elenco de actores e actrices que completan Marta Alonso Tejada, Ánxela Blanco e Fredi Muíño.

Tropical xira arredor dunha singradura marítima, nun cruceiro cheo de turistas entretidos por un grupo de variedades,que parte dende o Norte en dirección a Tunisia para o descanso dos viaxeiros. No seu traxecto, crúzase unha balsa repleta de refuxiados, que tenta chegar dende o Sur á costa italiana. A obra está dividida en tres actos, prólogo e epílogo, e emprega na súa execución unha linguaxe asentada nas imaxes, no movemento, na música e na danza, o que lle serve ao espectador para reflexionar sobre as diferenzas que hai entre o Norte e o Sur xeográficos. As entradas para as representacións do 12 e o 13 de maio teñen un prezo de 10 euros, cos descontos habituais do 40% para determinados colectivos sociais e profesionais. O domingo 14, ao ser Día do Espectador, a entrada única custa 5 euros.

Ligazóns