Elefante Elegante estrea en Ferrol o espectáculo 'Un momento precioso'

A montaxe reflexiona sobre o futuro do ecosistema a través do teatro, a danza e a acrobacia

O escenario do Teatro Jofre transformarase este venres, 12 de abril, ás 20.30 horas, nunha sorte de xardín idílico para acoller a estrea de 'Un momento precioso', a última creación da compañía de teatro Elefante Elegante. A compañía liderada por María Torres e Gonçalo Guerreiro vai presentar unha montaxe para público adulto que ten como fío condutor a emerxencia climática nun espectáculo de teatro de movemento que transita entre o teatro, a danza e a acrobacia. A través da relación da música co movemento e a interacción cos elementos da escenografía, revélanse todos os segredos dunha posta en escena que se fundamenta na dinámica plástica da narrativa teatral. Guerreiro e Torres asinan ambos os dous a creación de 'Un momento precioso'. Gonçalo Guerreiro é, tamén, o responsable da dirección e a escenografía da peza, mentres que o elenco está integrado por Pablo Sánchez, Julia Laport, Mario Rodríguez, Sofía Espiñeira, Eloi García e a mesma María Torres. Pola súa banda, a musica está composta por Manuel Fonte, a iluminación é de Nacho Martín e Carolina Díguele é a artífice do vestiario. 'Un momento precioso' é unha coprodución de Elefante Elegante e o Concello de Culleredo -onde Elefante Elegante é compañía residente.

'Un momento precioso' evoca o imaxinario simbólico do xardín asociado ao ideal da Terra como unha sorte de Arcadia feliz. O xardín simboliza a prosperidade, a paz e a liberdade, pero a obra transita entre o soño e o pesadelo, entre o paraíso e o inferno, entre a luz e a sombra, entre a construción arquitectónica intelixente e a catástrofe. O mundo está a arder, da Amazonia a California, de Australia ao Ártico Siberiano. A montaxe incide en que cómpre escoller: quedamos observando como se consome no lume ou optamos por facer o preciso para alcanzarmos un futuro diferente? A decisión é, asemade, simple e complexa, pero é, sobre todo, urxente. Esta pode ser a hora final da nosa civilización, pero o noso momento é tamén precioso. A obra pretende trasladar que é posible resolver a emerxencia climática, mais cómpre actuar axiña. Un momento precioso rescata a idea de xardín como lugar natural estratéxico no deseño das cidades sostibles e, tamén, como un espazo social ideal onde coexisten seres humanos de diferentes idades, xéneros e clases sociais. Pero, como, cando e onde nos sentiremos verdadeiramente libres, en seguridade e en igualdade de dereitos?
Ligazóns