Sicixia competirá este domingo no festival World Fest de Houston

O filme de Ignacio Vilar opta a tres premios na capital texana

Este domingo poderá verse na capital texana, Houston, o filme galego Sicixia dentro do certame de cine World Fest no último día deste festival. O filme competirá neste certame internacional de cine independente na categoría Filme Estranxeiro, optando aos seguintes galardóns: Grand Award (Mellor Filme Estranxeiro), REMI Special Jury Award (Premio Especial do Xurado), REMI de Platino, ouro, prata ou bronce. Só dúas longametraxes españolas participan neste competición. A película de Ignacio Vilar (Petín, 1951) realizador dos filmes A esmorga , Pradolongo ou Vilamor entre outros, conta a historia de Xiao (Monti Castiñeiras), un enxeñeiro de son que percorre a Costa da Morte. Nesta viaxe coñecerá a Olalla (Marta Lado), que traballa na colleita de algas e espertará en Xiao a paixón pola vida, a terra e o salvaxe destas paraxes. O papel protagonista de Marta Lado na película, serviulle á intérprete fisterrá para ser recoñecida co Premio á Mellor Interpretación Feminina no festival Cinespaña de Toulouse (Francia).A proyección de Sicixia farase ás 17 horas e tras dela haberá un coloquio aberto ao público con Ignacio Vilar.

Ligazóns