Foto: Facebook Sicixia
A longametraxe Sicixia , escrita e dirixida por Ignacio Vilar e producida por Vía Láctea, resultou seleccionada entre 126 películas de ficción españolas para competir na Sección Oficial do Festival Cinespaña de Toulouse (Francia) que terá lugar o vindeiro mes de outubro. O realizador ourensán Norberto López Amado (Ourense, 1965) tamén competirá nesa sección do festival coa película La Decisión de Julia , opta ao galardón Violette d'or do festival. Sicixia estrearase en cines o 25 de novembro, está protagonizada polos actores Monti Castiñeiras, Marta Lado, Sonia Castelo e Tamara Canosa e conta a historia de Xiao, un enxeñeiro de son que percorre a Costa da Morte. Nesta viaxe coñecerá a Olalla, que traballa na colleita de algas e espertará en Xiao a paixón pola vida, a terra e o salvaxe destas paraxes.
Na sección de competición de documentais deste festival organizado pola Association du Festival International du Cinéma Hispanique tamén concorren outras producións do audiovisual galego, como a cinta Os días afogados dos realizadores Luís Avilés e César Souto que terán que competir, entre outras, coa cinta No cow on the ice do pontevedrés Eloy Domínguez Séren (Simes, 1985). O festival Cinespaña comezará o 30 de setembro e agrada unha afluencia de público de case trinta mil persoas.

