Estréase Sicixia en 26 cines de toda Galicia

A película de Ignacio Vilar tamén poderá verse en Madrid, Catalunya, Valencia e Xixón

Sicixia, a película do directo ourensán Ignacio Vilar protagonizada por Monti Castiñeiras e Marta Lado, chega hoxe ao circuíto comercial de salas de proxección. Tras o seu paso por varios festivais, o último deles o Festival Internacional de Cine de Gijón (FICX) onde foi a única película española en participar da Sección Oficial, desde hoxe poderá verse en 26 cines de todo o país así como tamén en cines de Madrid, en salas de Catalunya, Xixón e Valencia onde se ofrecerá en versión subtitulada ao español. A nova película de Ignacio Vilar (Petín, 1951) realizador dos filmes A esmorga , Pradolongo ou Vilamor entre outros, conta a historia de Xiao (Monti Castiñeiras), un enxeñeiro de son que percorre a Costa da Morte. Nesta viaxe coñecerá a Olalla (Marta Lado), que traballa na colleita de algas e espertará en Xiao a paixón pola vida, a terra e o salvaxe destas paraxes. Sicixia concorre na vindeira edición dos Premios Goya de cinematografía con 15 categorías. A saída ao circuíto comercial está apoiada con abondosa cartelería e publiciade exterior ademais dunha campaña promocional que se levou a cabo na cadea de supermercados GADIS.