Unha nova escola de artes visuais achegará formación de cinema e fotografía a Vigo

35.ESAV preséntase esta tarde no MARCO

Oito profesionais da fotografía e do cinema poñen a andar 35.ESAV, a primeira escola superior dedicada ás artes visuais en Galicia. O MARCO de Vigo acolle ás sete da tarde hoxe a presentación deste proxecto, que anuncia catro mestrados de 600 horas, un ciclo de formación superior de dous anos e obradoiros sobre diferentes aspectos da fotografía e do cinema. Fotografía de natureza e científica, foto de autor e documental, cinema e creación audiovisual e fotografía de publicidade de moda serán os eixes dos catro mestrados, aos que se suma un Ciclo Superior de Fotografía. Juan Pablo Moreiras, Quique Touriño, Eutropio Rodríguez, Xisela Franco e Javier Fernández Pérez de Lis son os directores das diferentes formacións, e entre os profesores, a nova escola anuncia nomes como Óliver Laxe, Nico Pereda, Diana Toucedo e Phill Hoffman. 35 prevé acondicionar un espazo expositivo na cidade e anuncia colaboracións con diferentes entidades.