O Teatro Colón de Coruña pasa a xestión pública

A Deputación provincial de xeito transitorio e a partir de 2018 o Concello da Coruña xestionarán o recinto

Finalmente o tirapuxa entre deputación Provincial e Concello da Coruña arredor da xestión do Teatro Colón e os seu custes derivados semella chegar a un acordo entrambas institucións. O Concello da Coruña xestionará directamente o Teatro Colón a partir do ano 2018. O Goberno local e o ente provincial veñen de anunciar que o recinto municipal sumarase aos equipamentos culturais da cidade de xestión municipal. Deputación e Concello acordaron esta medida transitoria dada a imposibilidade de rematar o proceso de cesión con todas as garantías necesarias xusto despois do remate do contrato de xestión privada. Até que esta cesión sexa definitiva, será a Deputación da Coruña quen asuma a xestión do espazo de xeito transitorio, unha cuestión que terá lugar no mes de xuño, momento no que se extinguirá o contrato da xestión privada que mantén coa UTE encabezada pola empresa EULEN. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, sinala que o Goberno local acordou aceptar a cesión do recinto escénico "unha vez a transferencia sexa realizada de maneira segura e con todas as garantías necesarias despois do remate do contrato de xestión privado". A Deputación da Coruña garante, neste período transitorio, a continuidade na programación do espazo do que é titular, despois do mes que a lei reserva para a súa recepción administrativa. Desta maneira o Teatro Colón desenvolverá programación de forma continuada e normalizada ao longo de todo o proceso, desde o remate da concesión actual até a súa cesión de uso ao Concello.

Desde hai meses, equipos técnicos dos dous organismos públicos están a traballar co fin de garantir a solidez deste proceso. “Coa incorporación do Teatro Colón, será posible poñer en marcha esa necesaria coordinación entre os distintos equipamentos culturais da cidade e, en particular, co Teatro Rosalía de Castro”, explica o edil. "O obxectivo debe ser coordinar a programación cultural da cidade, diversificando a mesma a través dos distintos equipamentos tendo presente tamén o nivel de butacas, que permitirá un maior rango dentro das posibilidades de programación", afirma. "Esta medida tamén favorecerá que, desde a administración municipal, un axente que pode e debe programar desde a proximidade, atenda ás novas prácticas culturais, necesarias para adaptar o panorama artístico da cidade aos tempos", asegura Sande.Xa na reunión plenaria da Deputación da Coruña do pasado mes de febreiro, a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, lembrou que se optou desde o primeiro momento polo traspaso de xestión ao Concello, en concordancia co acordo de goberno e, neste caso, tamén pola necesidade de coordinación co Teatro Rosalía de Castro e outros equipamentos culturais da cidade.