O Teatro Colón á procura de xestores

A Deputación e o Concello manteñen reunións regulares para a transferencia pero aínda non hai acordo

| Santiago. Redacción | Seccións: Políticas Culturais
Compartir:

O futuro do Teatro Colón da Coruña está a discutirse entre a propietaria das instalacións, a Deputación Provincial da Coruña, e o Concello da cidade e as negociacións aínda están nunha fase inicial con reunións internas regulares, mesmo de carácter técnico. A concesión para a súa xestión, actualmente en mans dunha Unión Temporal de Empresas privada, remata o vindeiro mes de maio e a concesionaria xa decidiu que non desexaba a continuidade visto o cal a Deputación está a buscar alternativas de continuidade. Segundo fontes da Deputación o paso desta xestión a mans municipais é a "alternativa natural" do equipamento xa que segundo os seus datos o 80% do público que se achega á oferta do Colón é do propio concello. Preguntado polos medios de comunicación, o titular municipal da área de Culturas, José Manuel Sande, afirmou que a posibilidade que o Concello xestione o recinto "está sobre a mesa", pero que o Goberno local "non está disposto a asumir esta tarefa a calquera prezo".

Sande advertiu nas súas declaracións que o goberno municipal "non vai aceptar a xestión do recinto sen máis, xa que require investimentos e ten uns costos laborais e económicos considerables que, tendo en conta a situación económica da Concellería e do IMCE, sería difícil artellar". Desde a Deputación recoñecen que se trata dun proceso complexo que require un traballo interno no que entenden que aínda queda moito por negociar entre as partes, pero afirman que desde o ente provincial hai toda a disposición a conseguir un acordo xa que a transferencia ao Concello é a súa alternativa máis desexable e prioritaria e só no caso de desaparecer esta posibilidade contemplarían outras vías de acción. Segundo as fontes consultadas da Deputación a xestión municipal contribuiría á "racionalización dos equipamentos culturais posibilitando a coordinación da programación con outros espazos semellantes e moi achegados" en clara referencia ao Teatro Rosalía de Castro, de titularidade municipal. Para o concelleiro coruñés a situación para desatascarse require "un paso adiante da propia Deputación".

Que che parece esta nova?
54 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Teatro, Teatro Colón da Coruña, Deputación Provincial, Rosalía de Castro...