As flores voltarán cubrir as rúas de Ponteareas nas festas do Corpus

Camiñar sobre flores

Un ano máis as festas do Corpus enchen de alfombras de flores as rúas de moitas vilas galegas. Sobre todas elas destaca Ponteareas, onde esta celebración conta cunha tradición que provén de comezos do século XX. Desde a tarde do sábado comezará a confección destes curiosos adornos.

Para pasar a procesión

Xa antigamente era costume o alfombrar as rúas con pétalos de flores antes do paso das procesións do Corpus e tamén se colocaban nas beirarrúas testos con flores e árbores. Posterioremente comezou a empregarse o serrín como material que, combinado coas flores e tinxido de diferentes cores en toneis con auga, método que se conservou ata as primeiras décadas do século XX. Tamén deste período provén a realización de debuxos xeométricos e ornamentais.











Historia


A pesar da actual importancia das festas do Corpus, a celebración decaera entre 1918 e 1947, segundo sinalaba Ignacio Vidal Tomé nun artigo de 1955. Cara ó 47 comeza a organizar as festas unha comisión en lugar do tradicional Maiordomo da Confraría. Esta comisión comeza unha tarefa de difusión da festa e de recadación de fondos que acada darlle á festa unha difusión nunca vista con anterioridade. Desde entón foi consolidando unha festa na que se comezaron a incluír actuacións musicais e folclóricas e que veu atraendo á Vila do Tea a cantidades cada vez maiores de persoas de todo o mundo. En 1968 é declarada por primeira vez Festa de Interese Turístico, e en 1980 Festa de Interese Turístico Nacional. As alfombras saen son confeccionadas fóra da vila en ocasións especiais, coma a primeira visita de Xoan Paulo II a Compostela en 1982 ou outras viaxes do Papa. Todos os anos prodúcese un curioso intercambio de alfombras entre Ponteareas e a vila canaria de Orotava. Os de Orotava confeccionan cada ano unha alfombra fronte ó templo parroquial da Vila do Tea, e estes correspóndenlles na festividade local da súa terra.












Máis cousas








Ademais das alfombras, Ponteareas recolle estes días actos de todo tipo con ocasión das festas. Así, haberá concertos de bandas de música, un desfile de carrozas, orquestras procesións e a entrega das Medallas de Prata do Corpus Christi. Non se debe esquecer que outras vilas galegas tamén teñen as súas alfombras, coma Bueu ou Pontevedra, A Poboa, Ourense ou Lalín entre moitas outras.