Ponteareas rehabilitará un inmoble para o futuro museo do Corpus Christi

O Concello recibiu un investimento de 442.000 euros de fondos europeos para o proxecto

26/1/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: patrimonio
62 lecturas | Compartido 1 veces

Recreación do futuro centro dedicado ao Corpus. Fonte: Concello de Ponteareas

Servir como Portal do Corpus, base para a creación das alfombras florais da vila, e mais como museo dedicado a esta celebración. Estes son os obxectivos cos que o Concello de Ponteareas abordará a rehabilitación dun inmoble histórico situado na Praza Vella. A Deputación de Pontevedra aprobaba este venres 23 de xaneiro o convenio polo que lle achegará ao Concello un investimento de 442.000 euros de fondos europeos con este obxectivo.
A festa do Corpus Christi, recoñecida como ben de interese cultural en 2024, protagonizará o novo espazo, que servirá como eixe dun futuro museo ao aire libre dedicado a esta celebración. Ademais, o inmoble acollerá as instalacións da Oficina de Turismo municipal.

O proxecto municipal propón destinar a planta baixa a esta oficina, mentres o semisoto acollerá Portal do Corpus, "un espazo clave durante a tempada de elaboración das alfombras florais", segundo informa o web do goberno local. "Fóra dese período, este espazo funcionará como pequeno museo do Corpus Christi, permitindo a súa visita ao longo de todo o ano".

O pasado mes de decembro, a Deputación xa apoiara este proxecto cun investimento de 155.000 euros dedicados á elaboración de contidos dun produto de realidade virtual e as instalacións do museo ao ar libre. Dentro desta iniciativa elaborarase un inventario fotográfico das alfombras e do seu proceso de elaboración e crearase un portal web sobre a festa con contidos que se poderán seguir nun percorrido polas rúas da vila.

Universo culturagalega.gal