Un investimento de 215.000 euros recuperará a casa de Ben-Cho-Shey

A Xunta apoia a segunda fase da rehabilitación deste edificio do Pereiro de Aguiar

Vivenda de Ben-Cho-Shey. Fonte: Xunta de Galicia
Vivenda de Ben-Cho-Shey. Fonte: Xunta de Galicia
A casa na que Xosé Ramón Fernández Oxea, coñecido como Ben-Cho-Shey, viviu durante dez anos no Pereiro de Aguiar (Ourense) completará a súa rehabilitación. O Consello da Xunta deste 29 de setembro aprobaba un investimento de 115.000 euros para a segunda fase de traballos na vivenda, que permitirán crear un espazo dedicado á divulgación da figura deste histórico galeguista. A estes fondos súmanse outros 100.000 euros achegados polo propio concello.

A actuación prevé restaurar os muros exteriores, sanear a estrutura, substituír a cuberta e restaurar as carpinterías exteriores do edificio. Estes traballos deberán completarse no futuro cunha nova fase para permitir a apertura ao público do conxunto.

Ben-Cho-Shey habitou esta casa do Pereiro de Aguiar cando era mestre na escola de Santa Marta de Moreiras e foi o lugar onde comezou os traballos de investigación do seu traballo monográfico sobre esta parroquia. A comezos de 2025 finalizaba a primeira fase dos traballos de recuperación do edificio, que se centraron na dotación de servizos esenciais e na impermeabilización.