Só catro festivais audiovisuais recibirán axudas da Agadic

Play-Doc,(S8), FICBueu e Xociviga reparten 81.561 euros da convocatoria

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) daba a coñecer onte a resolución das súas axudas a festivais audiovisuais. Malia ao incremento de fondos que recibiu esta partida serán só catro eventos, dous menos que na na última convocatoria, os que recibirán apoio público para a súa celebración. O festival de documentais Play-Doc de Tui, Play-Doc, o coruñés(S8), FICBueu e as Xociviga do Carballiño repartirán 81.561 dos 115.000 con que contaba a convocatoria. Fican fóra, a respecto do pasado ano, o festival de Cans e Freakemacine. Segundo sinala a Agadic "achégase o total das contías solicitadas por todas as mostras que se presentaron a estas axudas no tempo e na forma que se establecían nas bases".

En concreto, o XIII Play-Doc Festival Internacional de Documentais recibirá este ano 32.400 euros, mentres a oitava (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña contará con 24.161,28 euros. O X Festival Internacional de Curtametraxes (FIC) de Bueu suma 22.000 euros de apoio, mentres que a 34 edición das Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga) do Carballiño fican con 3.000 euros.