A compañía de teatro lalinense Fantoches Baj ven de presentar ante os medios a súa vindeira estrea Mensaxe do Mar na que fan unha homenaxe á pintora Maruja Mallo (Viveiro, 1902-1995). Na nova obra a compañía fai unha reivindicación da artista á que este ano se dedica o Día das Artes Galegas. Na escena se fará unha representación a modo de conferencia, na que a propia Maruja Mallo describe o seu percorrido biográfico desde pequena. En escena aparecerán tamén os seus amigos poetas da Xeración do 27, Federico García Lorca e Pablo Neruda. Inacio Vilariño dirixe e actúa, xunto a Tero Rodríguez e Benxamín Otero. Este último tamén é responsable do deseño do espazo sonoro ambiental da obra. Fantoches Baj mestura artes plásticas, literatura, música, teatro e títeres nas súas producións conseguindo mabientes e postas en escena moi particulares. A obra estrearase no Salón Teatro de Lalín este venres ás 21:30 horas.