A RAG presenta a Primavera das Letras dedicada a Casares

Xesús Alonso Montero anunciou que non recuncará na presidencia da Academia

O CEIP Carlos Casares de Nigrán acolleu onte a presentación de Primavera das Letras, o web no que a Real Academia Galega achega recursos sobre o autor homenaxeado en cada Día das Letras Galegas. Con Carlos Casares como protagonista, o novo espazo na rede inclúe unha biografía do escritor, unidades didácticas para diferentes idades sobre o seu traballo ou unha listaxe de recursos na rede. Segundo explica a propia institución, "as actividades deseñáronse cun enfoque interdisciplinario e están relacionadas con distintos contidos do currículo escolar, de tal xeito que permiten traballar na aula, ou na casa, non só aspectos lingüísticos e literarios, senón tamén contidos e competencias de coñecemento do medio natural e social, historia ou educación artística". Como principal novidade, nesta edición convócase un concurso no que se convida aos centros educativos e explicar como celebran o Día das Letras.


En paralelo a esta presentación, o propio presidente da Real Academia Galega confirmou que non se presentará á reelección no seu cargo. O vindeiro 20 de abril rematará pois o mandato que iniciou en 2013, sen que polo momento se teña feito pública candidatura ningunha para o suceder.