A coincidir coa celebración, onte, do Día do Usuario/a das Bibliotecas, a Consellaría de Cultura daba a coñecer a cifra de usuarios das instalacións deste tipo que dependen da entidade. Así, segundo eses datos, un total de 214.000 persoas posúen carnet das diferentes bibliotecas de xestión autonómica no noso país en 2016, o que supón un incremento de 10.674 usuarios a respecto de 2015. A Consellaría achegou tamén os datos desglosados por centros, que amosan que é a biblioteca coruñesa Miguel González Garcés a que ten máis socios, un total de 39.381, fronte aos 38.262 de 2015. A compostelá Ánxel Casal, acadou os 37.756 usuarios e usuarias contra os 34.933 do ano anterior. A Biblioteca de Vigo Juan Compañel pasou de 33.444 en 2015 aos 35.938 usuarios en 2016, mentres a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola subiu dos 33.240 usuarios de 2015 aos 34.418 do ano pasado. En Ourense, a Biblioteca Pública acadou o pasado ano a cifra de 35.506 usuarios, 1.805 máis que en 2015, mentres Lugo fica coa cifra máis baixa das contempladas, con 31.589 usuarios en 2016 e 30.334 en 2015.