A fórmula Culturgal

A literatura e a música marcan un evento cun grande peso da innovación

A literatura e a música marcan un evento cun grande peso da innovación
Presentación de novidades, encontros profesionais, espazos de venda ao público, concertos ou gastronomía. A Feira das Industrias Culturais é o resultado dunha suma de ingredientes variados, unha receita que semella orientarse cada vez máis cara á innovación. Analizamos a fórmula deste encontro a partir da edición deste ano.


A innovación semella ser cada vez de xeito máis claro os eixes do Culturgal. Segundo explica José Aldea, director do evento, " cada vez máis o Culturgal cumpre a función de pór o foco no futuro máis próximo da cultura galega, e para min esta é a vocación que debe ter". Ao seu ver "existen moitas iniciativas de recuperación e dedicadas a temas históricos, pero hai poucas que se centren nas tendencias, os novos proxectos e os novos formatos, e aí penso que a feira está a ser o grande escaparate". O propio feito de que un 30% dos postos participantes sexan de iniciativas que acoden por vez primeira á cita apontoa, segundo el, esta idea. "Ademais, estamos a ver que nos últimos anos están a se irradiar tendencias, como foi a posta en marcha do maratón de Webseries ou a atención aos espectáculos para bebés, que logo se desenvolven en diferentes lugares". Desde os medios de comunicación que atendemos á cultura, é ben sabido que o Culturgal concentra unha grande parte das novidades culturais que se desenvolven no país cada ano, e non só a nivel de produtos. Segundo recoñece o propio Aldea, "para alén das vendas físicas, hai moita actividade de venda de espectáculos e de intercambios profesionais. Por exemplo, temos consultoras que fan sesións na propia feira. Penso que conseguimos unha mestura entre sector profesional e sector público que é moi difícil".



Predominio de letras e de sons
A revisarmos o programa, fica claro que a literatura, seguida pola música, predomina nas actividades do evento. Un total do 57.9% das propostas intégranse nestas categorías, a razón de 41 espazos do programa orientados aos libros (o 32.5% do total) e 32 de carácter sonoro (25.4%). Debemos ter en conta, no entanto, que rexistramos nas dúas categorías os oito libro-discos que se presentan no evento. A nivel de postos tamén se verifica preeminencia da literatura na feira. Segundo os datos que achega a organización, un 28% dos espazos corresponden a iniciativas vencelladas co libro, mentres nesta ocasión a música fica en terceira posición con só un 10% dos postos, o que contrasta co seu peso no conxunto da programación. A pegada da literatura semella aínda maior para o visitante polo feito de que grande parte dos postos múltiples, que integran varios espazos, distribúense entre editoras (Xerais, Galaxia, Kalandraka, Urco, Consorcio Editorial, Rinoceronte ou Patasdepeixe) e librarías (como o combinado Paz e Seijas, Pedreira ou o Espazo Lector Nóbel). Pola contra, Inquedanzas Sonoras e Fol son únicas dúas marcas musicais que nesta xeira apostan por espazos de certa magnitude.



O peso das institucións
Canda a estas industrias, o ámbito institucional continúa a ter unha grande importancia no evento, non en van algo máis do 60% do orzamento total da feira provén de fontes públicas. Así, o peso de diferentes administracións se deixa sentir de xeito especial na ocupación de grandes stands. Xunta, Concello de Pontevedra e as Deputacións da Coruña e de Pontevedra son entidades que apostan por espazos de grande tamaño, ao igual que a TVG ou, xa na iniciativa privada o Consello Galego de Cooperativas. No programa de actividades o sector público comparte o terceiro posto coas artes escénicas, con case un 7,5% do total. Propostas como o Ano do Patrimonio da Deputación de Pontevedra, o vindeiro Salón do Libro Infantil e Xuvenil e o Tek-Fest do concello, o programa Nortear da Consellaría de Cultura, Son Cultura…Son Vedra ou o Cookbook do patrimonio de Valdoviño, compoñen este apartado do programa, ao que se pode engadir na conta a entrega do Premio do Público do Propio Culturgal e a presentación da campaña Teño un Museo do Museo do Pobo Galego.

Encontros
A seguir polo mundo da sociedade civil, a feira funciona como foco para que colectivos profesionais desenvolvan encontros e actividades formativas. A Asemblea da Asociación de Profesionais da Xestión Cultural, as Xornadas Profesionais de Escena Galega, con dúas sesións, o encontro da Asociación Galega de Produtoras Independentes sobre o modelo de televisión pública, e unha xornada da Asociación Galega de Empresas Musicais sobre "a seguridade nos espectáculos públicos”, son propostas destes grupos que fan parte do programa. Segundo explica Aldea, "o sector profesional é un dos piares da feira, diferentes gremios culturais organizan cada ano neste marco distintas actividades profesionais. Nesta ocasión decidimos concentralas no venres". Advirte ademais, que "íamos acoller tamén o Simposio da Asociación de Editores, pero ao final por problemas de axenda non puido ser".

O culturgal máis novo
Malia a que, cando menos en aparencia, o carácter familiar do Culturgal aumentou dun xeito destacado desde as primeiras edicións, cómpre sinalar que só 36 das actividades e presentacións incluídas no programa aparecen orientadas ao público máis novo. Os libros-CD (8), libros ilustrados (5) e espectáculos escénicos (6) predominan. Neste último caso ademais, as propostas de carácter familiar monopolizan as representacións que se desenvolven na Feira. Tamén se poden contar neste ámbito propostas de carácter educativo como a presentación das Escolas de Ensino Galego Semente ou da Biblioteca de Pedagoxía de Kalandraka. Ao contrario que no programa, a presenza de postos dedicados maiormente ao público infantil é bastante reducida sobre o conxunto da feira, xa que só contabilizamos 11 orientados maioritariamente a este público. No entanto, é difícil separar este ámbito xa que, por exemplo, boa parte das editoras xeralistas teñen unha importante oferta para os máis cativos, e do mesmo xeito, compañías de teatro con posto propio teñen no seu repertorio pezas para crianzas e adultos.

Artes
A artesanía e disciplinas artísticas como a ilustración, o deseño e a fotografía, están nesta ocasión a ocupar o segundo posto en número de stands, cun 12% dos mesmos, e semellan manter a tendencia crecente dos últimos anos. Contrasta con isto a escasa presenza deste sector no programa de actividades, xa que está unicamente a presentación de Brinquedos Miudiño e dos produtos de mercadotecnia Punto e Coma se poden integrar neste ámbito. Do mesmo xeito, continúan afastadas da feira as artes plásticas, malia a se ter incrementado a súa presenza coa posta en marcha da exposición que promove a propia organización, dedicada neste ano ao contacto coa terra. No entanto, semella que nin galerías nin artistas ven o espazo como unha oportunidade e confían no seus propios circuítos para desenvolver o negocios. Só dúas actividades (a exposición e mais videocreación “Naufragio” de Lucía Estévez e “Fulgor” de Iria Silvosa) representan este ámbito na feira.

Audiovisual
Do mesmo xeito que en anos anteriores, a presenza do sector audiovisual no evento continúa a ser relativamente baixa. Para alén do encontro da Asociación Galega de Produtoras Independentes, no programa da feira están presentes algunhas das producións recentes do noso cinema, aínda que ningunha estrea. Camilo, o último guerrilleiro, Lobos sucios, Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra, Os días afogados e A Torre de Breoghán compoñen o apartado de proxeccións audiovisuais do evento, ás que se suma a presentación de Sicixia, de Ignacio Vilar. En canto a postos, o que comparten Festival de Cans e Dinastía Meiji, e mais o de Edición Rusa son a única presenza directa do sector no evento, para alén dos espazos ao respecto que se poidan atopar no posto da Xunta de Galicia e de AGADIC.

Ciencia e asociacións
A organización continúa a súa aposta por integrar a divulgación científica, un dos ámbitos que máis incrementou a súa presenza na axenda cultural nos últimos anos. Nesta ocasión son dúas actividades, no marco do programa Ciencia á Feira, as que representan este ámbito no programa. A repasar os sectores presentes no evento, Aldea apunta que "a nivel profesional penso que está un pouco todo o mundo representado. Non estaría de máis conseguir unha maior presenza do sector asociativo. Temos que atoparlle un oco ás asociacións". Nese sentido hai xa anos que a Associaçom Galega da Língua aproveita esta cita para celebrar unha das súas asembleas anuais, unha liña que podería servir de exemplo para outros colectivos.

Outros sectores
Na nosa análise do programa incluímo na categoría de "Varias" tanto propostas institucionais de varios tipo como outras iniciativas. Destacan neste ámbito as iniciativas relacionadas coas novas tecnoloxías, como é a presentación do Tek-Fest de Pontevedra, o sorteo de dominios Punto Gal (cuxa asociación ten o único posto da feira neste ámbito) ou a aplicación da Mesa pola Normalización. Moda, artigos de merchandising, como a nova iniciativa Punto e Coma, ou propostas vencelladas á ilustración e á banda deseñada, como a presentación da Guía Ninja do Ilustrador ou o novo CD-BD de Berlai, están incluídas tamén neste ámbito. A nivel de postos no 25% de "Outros" inclúense propostas institucionais (Xunta, Deputacións, concellos), Medios de comunicación como a TVG e Sermos Galiza, colectivos como A Mesa, Implicadas no desenvolvemento, a Asociación Oral ou iniciativas como Cultura que Une.

Distribución xeográfica
A organización facilita datos sobre a distribución xeográfica dos participantes, e amosa un reparto destacado. Deste xeito, Vigo e Compostela suman, con porcentaxes semellantes, un 30% dos postos presentes nesta edición. Pontevedra ocupa un 10%, por diante da Coruña, de onde proceden o 7% dos postos. Fóra das cidades, dáse unha importante dispersión, que inclúe lugares como Lalín, Allariz, Moaña, Porriño, Redondela, O Carballiño, Teo ou San Sadurniño entre outros concellos presentes. Non deixa de sorprender, no entanto, que as cidades de Lugo e de Ourense non aparezan destacadas nestas cifras.

Innovación e fidelidade
Para alén dese terzo de postos novos que imos atopar na nova edición da feira, debemos ter en conta que outro 18,7% dos presentes estarán no seu segundo Culturgal. Isto supón que case a metade dos postos levan dous ou menos anos na feira, o que amosa un importante dinamismo. A ollar as cifras de asistencia por anos, a organización salienta que, pola outra banda, un 32.3% dos presentes leva tres ou máis edicións. Deste xeito, semella que a fidelidade se combina coa innovación, aínda que cómpre ter en conta que entre os fieis están postos institucionais e os de grandes editoras que fan parte dos colectivos que promoven o propio evento.

Cooperativas
No marco da innovación, desde a organización destacan a importancia crecente das cooperativas na feira. "Estamos a ver unha grande porcentaxe de cooperativas a participar no evento, semella que esta vai ser a nova fórmula para xestionar a cultura no país", explica Aldea, a sinalar que a pegada este tipo de empresas medra ano a ano. Nesta ocasión atopamos seis con posto propio e once máis que se integran no posto do Consello Galego de Cooperativas.

A feira e a cultura
Se queremos ollar a feira como un retrato do panorama cultural do país, debemos ter en conta que non se produce unha correspondencia exacta entre o peso de cada sector e a súa pegada no evento. En xeral, os datos semellan confirmar orientación innovadora do Culturgal. Así, semella que ámbitos consolidados como o editorial, o audiovisual, ou as artes plásticas manteñen os seus propios circuítos e espazos de representación institucional, con entregas de premios, encontros profesionais e accións formativas. Mentres, industrias e sectores menos asentados como a música ou a xestión cultural semellan aproveitar máis o espazo da feira para como punto de encontro e de promoción.

En xeral, na actual edición contrasta a ausencia de encontros asociativos ou institucionais do sector editorial co peso que a literatura posúe no programa e no número de stands. Así, a nivel literario, a feira preséntase fundamentalmente como un espazo de venda e de presentación de novos produtos. Semella que esta é a mesma aposta que asume o sector musical de cara ao mercado de Nadal, no seu caso a contar cunha ampla presenza no programa. Ademais, a importancia que neste sector está a ter o público infantil (cuxos lanzamentos tamén se integran na oferta editorial co formato Libro-CD) axuda tamén a que o ámbito sonoro teña unha representación especialmente importante na feira. Malia a esa perspectiva de innovación, a feira agora mesmo non semella funcionar como un espazo de interese para as novas tecnoloxías ou os videoxogos, pouco integrados aínda no panorama cultural do país.

Nota:
Os datos sobre actividades son de elaboración propia a partir do programa do Culturgal. A organización proporcionou as estatísticas sobre os postos. Débese ter en conta que eses datos proceden dos formularios que se achegan aos participantes, e aínda que o total de postos son 99, existen casos de postos compartidos entre diferentes iniciativas, o que sitúa o conxunto de entidades con presenza física nun posto da feira en arredor de 115. Ao tempo, hai propostas cuxa actividade pode encadrarse en varios ámbitos, polo que as porcentaxes son aproximadas.