A xestión que vén

As políticas da Xunta teñen un grande peso no xeito en que se desenvolven as programacións culturais en Galicia

Buscar novos xeitos de programar, facendo partícipe o público das actividades é o desafío ao que se enfrontan os xestores culturais galegos. O colectivo, cada vez máis preparado e organizado, enfróntase a un contexto no que a crise económica e o peso das políticas culturais da Xunta marcan o seu traballo. Indagamos con eles como poden ser as programacións que veremos nos vindeiros tempos.

Xavier Campos, recén elixido presidente a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural está claro que o actual contexto de crise vai levar a mudanzas no xeito en que se conciben as programacións culturais no noso país. “Vimos dunha etapa na que primaron as propostas de carácter máis espectacular que buscaban rendemento mediático”, recoñece. No entanto, considera que esta tendencia vai mudar. “A crise obríganos a repensar o xeito de traballar. Cómpre buscar proxectos que deixen un maior pouso a nivel social, que involucren os axentes locais e que estean adaptados á realidade galega, tocando canda a cultura ámbitos como o benestar, a igualdade ou a lingua”.

I+D
Canda ás limitacións que supón para estes profesionais a crise económica, os xestores recoñecen que a situación actual pode ser unha boa oportunidade para inovar. “O recorte é negativo, pero pode obrigar a mover a imaxinación e buscar novas fórmulas. Coa dispersión poboacional e xeográfica que temos no país, cómpre máis cooperación entre concellos e vencellar os programas con axentes locais como poden ser escolas de música, centros de ensino, turismo ou posta en valor do patrimonio”. Nese sentido, é de prever que nos vindeiros anos se vai afondar nas propostas que busquen unha maior participación do público nos eventos. “Cómpren proxectos nos que a xente sinta e viva a cultura dun xeito máis directo, e para isto hai que apoiar máis a cultura de base e as asociacións, conectándoas coas propostas máis profesionais”, explica Campos.

A formación e as eivas
Ao longo da última década, desenvolvéronse no noso país as primeiras iniciativas formais e continuadas de formación para este sector. O proxecto Interea, da Deputación da Coruña, e o plan Vía Cultura, que se desenvolveu durante o bipartito preocupáronse de dar unha formación axeitada a un colectivo que carece, polo de agora, dunha titulación específica no noso país. De xeito paralelo, creouse o colectivo que agrupa estes profesionais a nivel galego e multiplicáronse as empresas que teñen na xestión cultural o seu obxecto de negocio. Malia aos avances neste campo e á consolidación do sector, continúan a darse eivas estruturais no xeito en que se desenvolve este traballo. Segundo recoñece Xavier Campos, “Tanto a nivel de programación como noutros aspectos da política cultural vemos falta de planificación e de reflexión. Hai unha tendencia á improvisación moi acusada que non damos tirado de enriba”. Desde a asociación reclaman nese sentido a creación dun posgrao dedicado a este ámbito no noso país

O peso da Consellaría
Malia a que boa parte das propostas culturais que normalmente chegan aos galegos proveñen dos concellos ou de entidades privadas como salas de concertos ou fundacións, as políticas culturais da Xunta teñen un grande peso sobre o conxunto da oferta. “A capacidade dos concellos para programar, por exemplo, depende moito dos circuítos e dos cartos públicos da Xunta”, explica Campos. Propostas como a Rede de Música ao Vivo ou a de Teatros e Auditorios, á vez que lles forneceron aos gobernos locais un bo feixe contidos para as súas programacións e facilitaron a contratación de compañías, provocan esa dependencia das políticas autonómicas. “O día a día do traballo das compañías ven definido pola Xunta, e o mesmo acontece cos circuítos do Xacobeo e mesmo coa maior parte da oferta musical do verán, incluíndo o apoio para festivais que organizan asociacións e concellos”, lembra este xestor.

Necesidade de avaliación
Como unha das eivas destacada da actual política neste sentido, os xestores denuncian a inexistencia dun seguemento axeitado dos resultados que se obteñen. “¿Ata qué punto ten sentido organizar concertos gratuítos no verán, pagando cachés elevados, sen facer un seguimento do seu impacto? En ocasións semella que as actividades van máis orientadas aos medios do que á súa repercusión no público ou ao seu impacto nas carreiras dos grupos”. A crítica pódese estender, segundo Campos ao caso dos circuítos teatrais. “É un sistema fechado que funciona por cachés, tanto ten cantas persoas o vaian ver, o papel do público é escaso. Nos tempos do bipartito pactouse cos concellos a necesidade de cobrar entrada e fíxose unha poítica de divulgación de tendencias musicais con ciclos que complementaban a programación do Xacobeo, que seguía a ser gratuíta”, pon como exemplo este xestor. “Son cuestións complexas nas que a orientación que lles queira dar a Consellaría poden axudar a camiñar nun sentido ou noutro”, conclúe.

As caixas
Dentro do actual escenario, destaca de xeito especial o futuro da obra social de Novacaixagalicia. A fusión nunha soa das dúas entidades bancarias galegas preexistentes deixa como unha incógnita a coordinación das actividades que antes organizaba cada unha delas e mais o futuro dos centros cutlurais que a nova entidade posúe agora por duplicado en moitas localidade do país. De feito, en Pontevedra o Ateneo xa alertou do perigo de que o Café Moderno, antiga sede cultural da Fundación Caixa Galicia, ceda o seu protagonismo cultural ao local que Caixanova tiña para estes fins, estremo que foi desmentido pola nova entidade. “O que temos claro os xestores é que cómpre que desde a administración se faga un seguimento e control das programacións desta entidade, procurando que haxa nelas unha presenza da produción cultural galega maior da que houbo ata o de agora. A Obra Social debe responder a fins de interese xeral, hai moitas eivas que cubrir e non ten moito sentido que estas propostas se orientasen cada ao máis espectacular”, denuncia Campos.

Exemplos
Como exemplos do camiño que poden levar as políticas culturais de cara ao futuro, Campos fala, por exemplo, do traballo que desenvolveu a Central Folque en Vilaxoán, no Concello de Vilagarcía, co programa Saberes e Sabores. “O proxecto unía a didáctica musical para a xente nova coa recuperación da tradición musical. Fixeron un coro con persoas maiores, actuacións na praza de abastos e rescate da memoria local, nunha iniciatica no que as persoas do lugar son protagonistas pero no que tamén participan grupos do país”. Canda a este, apunta a iniciativa Olladas de muller, desenvolvida por Mr Misto conxuntamente nos concellos de Vilar de Santos, Ribadeo e mais a Illa de Arousa. “A proposta partía de obradoiros de fotografía impartidos por profesionais a amas de casa. Co traballo deses obradoiros facíase unha exposición en espazos públicos cun catálogo común que circulaba entre eles. Deste xeito uníase un servizo educativo á comunidade, a autorestima e traballábanse cuestións de benestar e igualdade”, completa.