A recuperación da memoria persoal e artística de María Casares é o obxectivo das actividades que esta semana impulsa a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) en colaboración con Cineuropa e que contarán coa colaboración da Deputación da Coruña e da CRTVE. Mabel Rivera, vicepresidenta da AAAG, xunto ao director de Cineuropa, José Luis Losa; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín presentaron hoxe o ciclo Vinte anos sen María Casares, que consistirá en diversas actividades e proxeccións dentro do festival cinematográfico. A proxección da entrevista que fixo en 1981 Joaquín Soler Serrano para o programa de RTVE abrirá os actos mañá no Salón Teatro de Santiago para a continuación proxectar a película de Jean Cocteau O testamento de Orfeo (1960) . Unha mesa redonda afondará despois sobre a actriz a cargo da propia Mabel Rivera que estará acompañada por María Lopo, investigadora e biógrafa de María Casares; Sabela Hermida, actriz e investigadora na figura de María Casares e José Luis Castro de Paz, profesor de USC e historiador do Cine. Na seguinte xornada proxectarase a película Les enfants du Paradis, de Marcel Carné (1945). O ciclo complétase ao longo da semana na Radio Galega con unha colaboración entre a AAAG e o programa Diario Cultural, no que se reproducirán fragmentos da entrevista concedida por Casares á TVG en 1995 e poemas que sempre acompañaron á actriz no seu exilio, lidos na voz de actrices como Isabel Naveira, María Mera, Sabela Gago ou Diana González. Todas as sesións son de balde.
A actriz que dá nome aos premios teatrais de Galicia, a actriz internacional de maior prestixio que tivemos, segundo Mabel Rivera, naceu en tal día como hoxe do ano 1922 na Coruña, filla de Santiago Casares Quiroga, presidente do Goberno da II República. A actriz viviu desde o exilio tras a golpe de estado de 1936 en Francia, onde desenvolveu, sobre todo no teatro, unha exitosa carreira artística e intelectual, ademais dun activismo político, a carón da resistencia francesa na II Guerra Mundial. Nunca quixo volver á súa terra na que consideraba que a figura do seu pai non fora ben tratada. Tamén nesta semana dátase o seu falecemento, o 22 de novembro do que se fan agora vinte anos. Antes de falecer, cando xa os premios teatrais galegos levaban o seu nome con permiso dela, comprometérase a acudir a unha das cerimonias por a enfermidade truncou esta posibilidade. Para Rivera aínda queda moito por coñecer da inmensa figura da artista e muller que era María Casares e desde a AAAG teñen pretensión de darlle continuidade a esta liña de achegamento á súa memoria con máis actividades para o seu recoñecemento social e recuperación. Na mesma idea coincide Goretti Sanmartín que cre que xa é hora de recuperar o seu nome para darlle o recoñecemento social que merece máis alá do eido estritamente teatral.
En Cultura Galega podes afondar no coñecemento de María Casares a través dos contidos especiais creados no noso Álbum de Mulleres: o especial dedicado a Exiliados e a Fotobiografía.