Novembro é o mes da ciencia e en culturagalega.gal non podiamos quedar atrás. Esta semana poderás disfrutar dun novo número de Setestrelo, a nosa revista de divulgación científica coordinada coa Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega. Desta volta, adicaremos o número á biodiversidade. E comezamos cunha marabillosa ilustración de Santy Gutiérrez e un artigo dos biólogos Andrea Freijero e Adrián Castro, da USC, sobre o problema de estimar o número de especies existentes no noso planeta.
Como apuntou May, se unha versión da nave Enterprise chegase á Terra, probablemente a primeira pregunta que farían os visitantes sería: "cantas formas de vida distintas hai neste planeta?". É dicir, "cantas especies hai?". A nosa mellor resposta sería dicir entre 5 e 10 millóns, pero mesmamente poderiamos afirmar que existen entre 3 e 100 millóns de especies dependendo da estimación que escollamos. Vendo a magnitude das diferenzas nestas estimacións parece que non o temos moi claro, situación preocupante nun contexto no que a biodiversidade se enfronta a grandes presións e ameazas. Por tanto, coñecermos as especies coas que compartimos o planeta faise particularmente urxente, xa que moitas poden desaparecer no camiño antes de seren descubertas.
Estimar o total de especies existentes é só o principio do problema. A taxonomía (ciencia que se encarga da clasificación dos seres vivos) comezou a nomear sistematicamente as diferentes especies hai uns 200 anos co establecemento do sistema binomial de Linneo (o coñecido nome científico das especies). Neste tempo os taxónomos estiveron traballando por todo o mundo descubrindo, nomeando e clasificando formas de vida. Pero non o fixeron de forma homoxénea en todos os grupos. Aproximadamente un terzo dos taxónomos traballan en vertebrados (que só son o 1% do total de especies), outro terzo traballa en plantas (arredor do 10% das especies) e os restantes repártense os invertebrados (que comprenden polo menos o 90%!). Calcúlase que o total de especies descritas ronda os 1,6 millóns, polo que aínda habería moito camiño por percorrer (o coñecido como déficit de Linneo).
Os problemas non terminan aí: no proceso de descrición prodúcense ás veces sinónimos (casos nos que alguén nomea de novo unha especie estando esta descrita con anterioridade). Pode parecer que este tipo de situacións son cousa do pasado, no que a comunicación entre científicos era máis difícil (non existía Internet nin, por exemplo, listaxes coas especies descritas accesibles a todo o mundo), pero hoxe en día continúan acontecendo (non sempre é fácil saber cando se está ante unha nova especie, a taxonomía é toda unha arte). Ademais do traballo propio taxonómico de descrición de especies, é necesaria unha segunda fase na que se realicen revisións do coñecemento previo procurando corrixir estes problemas. Tendo isto en conta, o total de especies coñecidas pode ser menor do que se calcula.
O primeiro intento de estimar o número total de especies de forma sistemática realizouno Erwin en 1982. O seu traballo centrouse na zona do mundo con máis biodiversidade, o bosque tropical; e nun grupo hiperdiverso, os escaravellos. Os seus cálculos seguían este razoamento: se os escaravellos son a maior fracción dos artrópodos e estes da biodiversidade terrestre en xeral, poderíase facer un cálculo do total de especies a partir da zona do mundo no que se concentran máis escaravellos, isto é, nas copas das árbores dos bosques tropicais. Para isto, estudou o número de especies de escaravellos nunha especie de árbore (Uehea seemannii) e, extrapolando, estimou a existencia de 30 a 100 millóns de especies de artrópodos tropicais. Aínda que controvertida, esta estimación foi a primeira en aventurar unha cifra de maneira sistemática e motivou a realización de estudos posteriores sobre o tema que afinarían o resultado final.
Ata aquí estivemos a falar só da descrición de especies, é dicir, nomealas unha vez se atopan, e temos moito que facer nese sentido. Pero é preocupante tamén o feito de que de moitas das especies catalogadas só sabemos o nome. Non se describiron áreas de distribución, non se estudaron os seus ciclos biolóxicos e moito menos sabemos o suficiente da súa xenética ou de como se relacionan co medio ou coas especies que as rodean. Tampouco podemos saber se as súas poboacións están en declive, ameazadas ou se teriamos que estar tomando medidas para protexelas.
O panorama no caso dos invertebrados e máis concretamente nos insectos (o grupo que recolle a maior proporción de diversidade) é o máis crítico: non temos un coñecemento completo deles, e enfrontámonos a unha cantidade abrumadora aínda por describir. Wilson chamounos "as pequenas cousas que gobernan o mundo", e é que, como tamén sinalou, se a humanidade desaparecese mañá o mundo cambiaría lixeiramente e a biodiversidade xeral non se vería afectada. Pero se os invertebrados desaparecesen, a maioría do resto de seres vivos non durarían moito.
Co fin de remediar a lentitude que tradicionalmente afectou ao proceso taxonómico, nos últimos anos desenvolvéronse técnicas que ademais reduciron o custo promedio do proceso. Emprégase para isto o ADN barcoding (secuénciase unha pequena porción de ADN, como un código de barras, que se usa para identificar especies), unha técnica rápida e menos custosa. Con este fin, recóllense mostras con distintos individuos e prodúcese unha especie de sopa da que se extrae o ADN xenómico para secuenciar unicamente o xene barcode de interese. Esta técnica estase a empregar con moitos grupos, pero especialmente con artrópodos, que comprenden a maior parte da biodiversidade, tentando así incrementar a velocidade coa que completamos o noso coñecemento das especies existentes.
É importante investir no coñecemento da biodiversidade. Nun escenario no que esta se está a perder a unha velocidade alarmante, temos que utilizar de forma efectiva os recursos dispoñibles para aumentar a nosa listaxe: non podemos protexer o que non coñecemos. Os animais grandes, con plumas ou pelo sempre tenderán a cativar a maioría das persoas, pero non debemos esquecer a importancia deses pequenos acompañantes, os invertebrados, que permiten que o mundo continúe sendo como o coñecemos e que precisan da nosa atención e coidado.

Poderiamos afirmar que existente entre 3 e 100 millóns de especies. Calcúlase que o total das descritas ronda os 1,6 millóns, polo que aínda queda moito camiño por percorrer
O primeiro intento de estimar o número total de especies de forma sistemática realizouno Erwin en 1982. O seu traballo centrouse na zona do mundo con máis biodiversidade, o bosque tropical; e nun grupo hiperdiverso, os escaravellos. Os seus cálculos seguían este razoamento: se os escaravellos son a maior fracción dos artrópodos e estes da biodiversidade terrestre en xeral, poderíase facer un cálculo do total de especies a partir da zona do mundo no que se concentran máis escaravellos, isto é, nas copas das árbores dos bosques tropicais. Para isto, estudou o número de especies de escaravellos nunha especie de árbore (Uehea seemannii) e, extrapolando, estimou a existencia de 30 a 100 millóns de especies de artrópodos tropicais. Aínda que controvertida, esta estimación foi a primeira en aventurar unha cifra de maneira sistemática e motivou a realización de estudos posteriores sobre o tema que afinarían o resultado final.
Ata aquí estivemos a falar só da descrición de especies, é dicir, nomealas unha vez se atopan, e temos moito que facer nese sentido. Pero é preocupante tamén o feito de que de moitas das especies catalogadas só sabemos o nome. Non se describiron áreas de distribución, non se estudaron os seus ciclos biolóxicos e moito menos sabemos o suficiente da súa xenética ou de como se relacionan co medio ou coas especies que as rodean. Tampouco podemos saber se as súas poboacións están en declive, ameazadas ou se teriamos que estar tomando medidas para protexelas.
Queda moito por facer na descuberta de especies, pero non abonda con poñerlles nome. Hai que estudar as áreas de distribución, os ciclos biolóxicos e saber se teriamos que tomar medidas para protexelas
O panorama no caso dos invertebrados e máis concretamente nos insectos (o grupo que recolle a maior proporción de diversidade) é o máis crítico: non temos un coñecemento completo deles, e enfrontámonos a unha cantidade abrumadora aínda por describir. Wilson chamounos "as pequenas cousas que gobernan o mundo", e é que, como tamén sinalou, se a humanidade desaparecese mañá o mundo cambiaría lixeiramente e a biodiversidade xeral non se vería afectada. Pero se os invertebrados desaparecesen, a maioría do resto de seres vivos non durarían moito.
Co fin de remediar a lentitude que tradicionalmente afectou ao proceso taxonómico, nos últimos anos desenvolvéronse técnicas que ademais reduciron o custo promedio do proceso. Emprégase para isto o ADN barcoding (secuénciase unha pequena porción de ADN, como un código de barras, que se usa para identificar especies), unha técnica rápida e menos custosa. Con este fin, recóllense mostras con distintos individuos e prodúcese unha especie de sopa da que se extrae o ADN xenómico para secuenciar unicamente o xene barcode de interese. Esta técnica estase a empregar con moitos grupos, pero especialmente con artrópodos, que comprenden a maior parte da biodiversidade, tentando así incrementar a velocidade coa que completamos o noso coñecemento das especies existentes.
É importante investir no coñecemento da biodiversidade. Nun escenario no que esta se está a perder a unha velocidade alarmante, temos que utilizar de forma efectiva os recursos dispoñibles para aumentar a nosa listaxe: non podemos protexer o que non coñecemos. Os animais grandes, con plumas ou pelo sempre tenderán a cativar a maioría das persoas, pero non debemos esquecer a importancia deses pequenos acompañantes, os invertebrados, que permiten que o mundo continúe sendo como o coñecemos e que precisan da nosa atención e coidado.
Escrito por Andrea Freijero e Adrián Castro - Ínsua
Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física. Universidade de Santiago de Compostela.