O emprego social das TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación) e o movemento maker están nos últimos tempos a experimentar unha especial visibilidade. Os novos encontros, a consolidación de colectivos ou o apoio público a algunhas destas iniciativas semellan abrir unha nova fase neste universo. Repasamos o panorama e as perspectivas que estas culturas teñen no país.
A multiplicación de eventos arredor do emprego das TIC cunha perspectiva social está a visibilizar unha serie de movementos que levan anos a traballar de xeito calado no noso país. Malia a ser aínda minoritarias, estas culturas contan cun tecido relativamente sólido e, sobre todo, cun enorme potencial. As conexións entre distintos colectivos, a existencia de profesionais de alto nivel e a clara aposta por traballar fóra de nichos temáticos preséntanse como algúns dos seus valores máis sólidos.
Calidade
Diego Parajó, coordinador do Tek-Fest de Pontevedra amósase optimista á hora de valorar o panorama galego nestes campos. "Hai moitos grupos de persoas a facer cousas, desde colectivos importantes de profesores que apostan polas novas tecnoloxías a pequenos grupos de makers. Está a aparecer toda unha nova cultura de base tecnolóxica onde un lote de xente se atopa a gusto e está a experimentar". En xeral "estamos nun momento moi chulo. En todos os concellos hai xente a facer cousas de tecnoloxía, xa sexa en centros de ensino, asociacións ou colectivos, dos que algúns teñen unha traxectoria de anos. En Galicia hai propostas que non teñen nada que envexar ao que se fai noutros lugares, se acaso unicamente os recursos dos que dispoñen", explica.
Makers populares
A se centrar no caso da cultura maker Tucho Méndez, responsable do proxecto Escornabot e membro de Bricolabs, recoñece unha popularización crecente. "Hai dous anos estiven a mover un proxecto chamado Escola Maker e tiña que estar explicando constantemente que era iso. Agora xa soa e non hai que o explicar tanto. Desde as administracións, e especialmente deste o eido educativo vese que hai un interese. Isto vén tamén moito do pulo que se lle está a dar en Estados Unidos". Precisamente neste ámbito Méndez iniciou o proxecto Escornabot, un pequeno robot programable que permite múltiples aplicacións na escola. "Levamos dous anos en marcha, e se ao comezo tiñamos que ir levándoo nós polos sitio e presentándoo, este último curso comezou a preguntar a xente. Agora, no seo do programa de bibliotecas escolares da Consellaría temos un plan piloto que chega a vinte centros. O tema da robótica está tamén a chegar pola vía comercial, e as editoras de libros comezan a ofertar kits para entrar nese mercado". Para el, no entanto, o máis importante é o proceso de apertura que está a vivir este mundo. "O principal é a vaga de xente que está a se achegar. En Bricolabs vemos que o perfil inicial dos participantes era moi técnico. Agora atopamos unha popularización do movemento, chegan persoas que non posúen eses coñecementos pero que teñen a curiosidade de fedellar e andar coas mans, facer cousas polas ganas de facer".
Ámbitos pioneiros
Existen ámbitos particulares nos que este tipo de propostas están a se implementar de xeito máis acelerado. Sergio Lago, coordinador de Coruña Dixital coincide no peso do sector educativo. "Están a se popularizar cousas como a programación e a robótica educativas. Hai moitísimas escolas que as integran e fai parte do programa curricular nalgúns niveis. Considérase que, sobre todo para o público infantil e familiar, estas prácticas poden ser útiles no futuro, e isto é unha entrada para a popularización". Canda a isto, Parajó salienta que "desde a perspectiva empresarial existen propostas que están a funcionar moi ben, coas axencias de innovación da Xunta e as aceleradoras de proxectos . A fotografía final do que se fai en Galicia é impresionante", asegura. Así, están a xurdir propostas empresariais vencelladas ao mundo maker, como MakerGal, que produce impresoras 3D, Brinca 3D ou VermisLab, que promove iniciativas de autoconstrución e experimentación no eido educativo. Noutro ámbito, Parajó destaca que "existen experiencias moi interesantes como a dixitalización de fotografías antigas por parte de xente maior que recupera a memoria local".
O potencial descentralizado
Ata o momento, son os grandes centros urbanos internacionais ou mesmo estatais, os que contan cunha maior implantanción destas iniciativas. Nese sentido, Parajó sinala que "hai unha experiencia, o Medialab Prado de Madrid, que tira moito a nivel estatal. Esta proposta concentra un lote de xente a dialogar sobre moitos aspectos desta cultura". No mesmo sentido, Lago recoñece que "é certo que a tradición de medialabs ou espazos de experimentación sobre este tipo de prácticas levan máis tempo noutros lugares como Madrid e Barcelona". No entanto, para el, isto non implica necesariamente unha desvantaxe para estas culturas no noso país. "Alí está a se dar agora o debate sobre se este é o mellor modelo ou se cómpre, fronte á idea de centros de referencia, achegar isto a barrios e centros cívicos, a unha escala máis pequena. E precisamente aquí xa partimos dese punto. Os colectivos levan tempo a traballar xuntos con espírito colaborativo, e agora a localización xa non é clave". Ademais, a incidir na menor importancia que ten o aspecto xeográfico, salienta que en Galicia contamos cun importante capital humano vencellado a estes temas. "Temos profesionais do audiovisual, do sector tecnolóxico e moitas comunidades a facer cousas interesantes. Non hai nada de que se acomplexar, fanse cousas tan interesantes como en moitos outros lugares", sinala. Do mesmo xeito, Parajó apunta que "sen necesidade de estamos en Estados Unidos temos xente que fai alí a súa carreira, persoas próximas que están na primeira división, e isto algo moi interesante".
Desafíos
Semella pois que está a se avanzar nunha apertura destas experiencias ao conxunto da sociedade, un camiño que non sempre é sinxelo. Segundo recoñece Lago, "somos conscientes de que as prácticas vencelladas ás novas tecnoloxías ás veces empregan linguaxes moi crípticas. Desde Coruña Dixital tentamos fuxir dos anglicismos e de discursos complexos. Procuramos democratizar o acceso a estas novas tecnoloxías e prácticas, a seguir exemplos dos propios colectivos. En Bricolabs pódense atopar pais e fillos a traballar xuntos nun proxecto, enxeñeiros mesturados con xente que non sabemos montar nada de circuítos e xente de distintas disciplinas que se xuntan e desenvolven proxectos a achegar cada un diferentes coñecementos".
Parajó, pola súa banda, incide en que "están a se tocar moitas áreas, pero dáme a sensación de que seguimos a ser minifundistas. Aparecen moitas cousas pero non están moi conectadas. Como necesidade de cara ao futuro vexo a falta de eventos que congreguen xente de diferentes niveis", sinala Parajó. Nunha liña similar, Fran Quiroga, coordinador do encontro Eu amo fedellar, orientado ao mundo maker máis rural, pensa que "está aínda por traballar a conexión, procesos como este terían que estar máis desenvolvidos. Semella que se traballan outras vías máis vencelladas coa cidade. Cómpre conectar con comunidades que non están estritamente no ámbito maker, buscar unha relación con movementos sociais e asociacións doutros tipos".
No mesmo sentido, Tucho Méndez apunta o desexo de que se consolide o tecido asociativo neste mundo. "Agora somos clubes ou asociacións provinciais ,e aínda que nos mantemos en contacto, facemos un traballo independente. Estaría moi ben que houbese un tecido en rede cunha maior colaboración". A maiores, "gustaríame que isto se estendese, non necesariamente a nivel masivo, pero si a se democratizar e popularizar no sentido de que non fique como algo reservado a cerebriños e geeks que controlan de electrónica. Tamén sería necesario que se conservase a perspectiva de compartir coñecemento xerado desde abaixo, porque cando hai un movemento social sempre xorde despois outro comercial que, aínda que tamén achega cousas, ás veces acaba por engulilo ou desvirtualo".
Camiños abertos
Como panorama futuro para Diego Parajó "o lóxico é que dentro deste ecosistema que está a se artellar haxa boa relación, e que saian máis cousas nos vindeiros anos. É unha nova tendencia que irá a máis, e é de agardar que aparezan tamén novos negocios, empresas e academias que aproveiten tamén o interese da xente por aprender. Temos un grande potencial. En certo xeito a tecnoloxía púxonos a todos un pouco na mesma grella de saída". Ademais, "vemos proxectos de xente nova moi motivada para apañar este camiño, e ao mellor aquí somos precursores de algo". A falar sobre o panorama maker, Enrique Saavedra sinala desde a Maker Faire Galicia que aínda "falta tempo, está a haber moi boas iniciativas, e que chegue á televisión vai axudar. Están a se facer algúns programas de divulgación que apoian isto. O feito de que non fique restrinxido a algo tan puntual como os eventos axuda a que se faga algo normal e máis sinxelo de asumir polo groso da poboación", explica. "Este novo camiño está en marcha e só precisamos seguir por el. Non deixa de ser un traballo duro e cómpre explicar as cousas, pero ao final é algo que lle interesa a todo o mundo cando llo explicas de maneira sinxela".