Tempos de facedores

O movemento maker reivindícase en Galicia cunha feira multitudinaria

O movemento maker reivindícase en Galicia cunha feira multitudinaria
Proxecto de electrónica en Bricolabs. Fonte: Bricolabs.
Compostela acolle a vindeira fin de semana a primeira Maker Faire Galicia. Este encontro de inventores, amañadores, adaptadores, argalladores e fedelladores varios amosa a potencia desta cultura no noso país. E faino cun dato prometedor: A Compostela Mini Maker Faire, do pasado ano, foi o terceiro maior evento deste tipo en Europa, con máis de 18.000 visitantes. Repasamos o panorama dun movemento que conta con numerosos seguidores e unha ampla tradición.

Dous días de inventos, argalladas, personalizacións, artesanías e creacións no Pazo de Congresos de Compostela. Obradoiros, conferencias, concertos, demostracións, sorteos ou xogos amosarán as múltiples variantes do movemento maker na fin de semana do 1 e o 2 de outubro. Enrique Saavedra, un dos coordinadores da Maker Faire Galicia, explica que o proxecto "naceu hai case dous anos, a raíz de coñecer cousas que se estaban a facer en moitos sitios". Desde VermisLAB, empresa que fundou e que desenvolve actividades arredor da ciencia e da tecnoloxía, "montamos un equipo para desenvolver a primeira edición". Integrada na rede internacional Maker Faire, a Compostela Mini Maker Faire ocupou durante dous días o centro comercial Área Central en outubro de 2015. A asistencia de público superou os 18.000 visitantes, o que fixo que, segundo as cifras oficiais, fose o evento deste tipo máis grande o Estado e o terceiro de Europa, só por detrás de París e de Roma. "Con estes datos vimos que en Galicia hai moitos makers e pensamos en facela máis grande, coa intención de abranguer os traballos que se fan nas diferentes cidades do país".

Onde están os facedores
Encol da cuestión de onde andaba agochada tanta xente interesada pola inventiva, Saavedra pensa que "xa estaba, pero na súa casa. Non había un lugar onde puidesen ir e compartir todo o que estaban a facer co resto da xente. Nós achegamos unha plataforma onde pór en común eses traballos para que de aí xurdan novas colaboracións e proxectos. Esta é unha feira de coñecemento e baséase en compartir o que fas". A cuantificar a importancia que está a acadar este movemento no país, este coordinador da Maker Faire apunta que "aínda estamos en fases iniciais de organización. Existen como seis asociacións na Coruña, en Lugo, en Compostela ou en Pontevedra, pero isto é só un xermolo. Cómpre que esta cultura se dea a coñecer, e coa Maker Faire tentamos que se achegue non só xente con interese senón tamén outros que poidan comprobar que isto non é tan difícil, que se aprende e que serve para moitas cousas".

Como se fai un facedor
Á hora de definir as motivacións que levan a alguén a este ámbito, Saavedra apunta que "principalmente hai curiosidade e gana de aprender. En Galicia pensamos que sempre houbo moitos e moi bos makers tamén por necesidade. Iso leva a darlle voltas ás cousas e poder facelas de xeito accesible. Ese xeito de se buscar a vida ten moito que ver co mundo maker". Pola súa banda, Tucho Méndez, do colectivo coruñés Bricolabs e promotor do proxecto educativo Escornabot, pensa que "hai un compoñente lúdico importante. Logo coinciden intereses persoais que podes querer compartir, ou a contraposición entre unha tecnoloxía enormemente complicada que precisa importantes equipos e mais o interese por construír as propias ferramentas. Non se pode facer todo, pero si hai un interese por reivindicar que podemos ser creadores da tecnoloxía que usamos", sinala.

Makers de tempos analóxicos
O concepto de maker que manexa a feira vai para alén das vertentes máis tecnolóxicas desta cultura, que centran os seus traballos en robótica, impresión 3D ou sistemas electrónicos. "Quixemos pór en valor determinados sectores que penso que marcan a creatividade en Galicia", sinala Saavedra. A gastronomía, o gravado, a papiroflexia, a artesanía ou a música teñen o seu espazo no programa. E é que unha das peculiaridades que presenta o movemento maker galego en xeral é o seu esforzo por ligar o traballo das novas xeracións co tradicional. Desde diferentes foros reivindícase o labor que milleiros de persoas desenvolven desde sempre e de xeito anónimo para mellorar, adaptar ou transformar de xeito autónomo as tecnoloxías que empregan. Para Tucho Méndez "a cultura maker está moi arraigada en Galicia, sempre fomos foi fedelleiros, sobre todo no rural. Existe unha historia de facer ferramentas, amañar as cousas por un mesmo e desenvolver inventos que permiten acceder a unha tecnoloxía á que ao mellor non se podía chegar doutro xeito". Así, na Maker Faire Galicia "tentamos xuntas novas tecnoloxías con oficios tradicionais. Aí xéranse moitas sinerxias e saen produtos novos, e conséguese bastante participación". Localizar estes creadores que non amosan os seus traballos en Internet nin participan en grupos non é sinxelo. "Moitas veces son persoas que están na casa e das que só a súa familia sabe que fan cousas. Entón hai un proceso arduo de preguntar, visitas sitios ou empresas e tirar de xente que o coñece", explica Saavedra. Iso si, unha vez que se contactan, polo xeral a resposta é altamente positiva. "A todo o mundo que facemos algo gústanos ensinalo e que nos dean opinións, iso axúdanos a mellorar".

Eu amo fedellar
A se centrar especialmente neste legado, o colectivo Montenoso, en colaboración coa Rede Revolta de grupos de investigación universitarios, Makers Lugo ou a Asociación Galega de Amigos de Maquinaria Agrícola Clásica entre outros, promoveu o pasado ano o primeiro encontro Eu amo fedellar. O proxecto pretende replicar no noso país propostas que se desenvolven a nivel mundial como Open Source Echology, un proxecto de hardware libre e colaborativo para fabricar maquinaria agrícola que permite a autoconstrución de todo tipo de ferramentas, a incluír ata tractores. "A nosa idea era establecer un nodo deste tipo aquí", explica Fran Quiroga, promotor da iniciativa. Nese sentido, o encontro reivindica que "fronte aos saberes máis técnicos existen outros máis profanos que vemos constantemente. Hai unha cultura de fedellar, amañar e construír, xa desde rapaces e xente nova que fabricaba karts e amañaban coches. Pensamos que este xeito tradicional de facer pode enlazar cun proceso máis relacionado con esta cultura maker actual", salienta. Así, desde exemplos sobre como amañar un tractor coa tecnoloxía libre Arduíno, ata o xeito no que se poden recuperar diferentes modelos de maquinaria agrícola ou construír unha táboa de surf, o encontro explorou diferentes posibilidades neste campo. "Era un punto de inicio para ver estas posibilidades. Unha cuestión que se puxo sobre a mesa era o problema de cómo documentar eses procesos. Hai xente que non colga as súas experiencia en Internet porque, ao se dedicar á fabricación ou ao amaño en si non ten tempo para isto", explica Quiroga. "Este é un compoñente clave, hai que buscar xeitos ou financiamento que permita que unha persoa documente este traballo para que outros poidan aprender e mellorar os procesos".

Tendencias makers
Alén destes creadores máis tradicionais, Méndez, desde Bricolabs, salienta o interese que están a espertar nos makers as posibilidades da impresión 3D. "Son un exemplo paradigmático de cómo desde a comunidade se conseguen traballos que poden competir en igualdade con produtos industriais. Hai xente con impresoras autoconstruídas que conseguen mesmo mellores prestacións que as comerciais". Nesa liña, a posibilidade de personalización que oferta este tipo de produción é moi importante. "As canles comerciais ofertan cousas máis ou menos estandarizadas, e pode non ter sentido económico que o fagan doutro xeito, pero con estes sistemas conséguese unha personalización moi importante. O exemplo claro é o da xente con discapacidades que pode construír cousas para si mesmos", como é o caso de próteses personalizadas . Coincide con el Saavedra, quen recoñece que o desenvolvemento da impresión 3D "foi un hit. Ata certo punto actuou como detonante para que isto comezase a se divulgar, abaratou a maneira de facer cousas por un mesmo e sen dúbida é un das estrelas que podemos atopar no movemento actual". A maiores incide tamén "no tema da robótica, que está a funcionar moito". Canda a estes, outro ámbito no que hai makers galegos a traballar con interese é o dos drons e todo tipo de aparellos voadores e non tripulados que se constrúen, modifican ou melloran. Nunha liña similar, existen moitos afeccionados á robótica e mesmo competicións entre as súas creacións. As aplicacións da rede a obxectos, o que se coñece como a Internet das cousas é outro campo no que tamén se están a desenvolver moitos proxectos, segundo apunta Méndez.

Programa
Tanto os facedores máis modernos como os máis convencionais terán o seu oco na Maker Faire Galicia, aínda que Saavedra recoñece no caso destes últimos que "atraer a xente deste ámbito á feira é máis difícil, pero o pasado ano logrouse e podías ver persoas maiores e nenos a falar entre eles sobre o que vían, e había intercambios de coñecemento", explica. Así, adianta que "imos ter un maker de 82 anos que ten unha patente e continúa a inventar e debuxar programas que nós comezamos usar hai pouco, e outros seniors como Patelo que fai motores en miniatura dos máis pequenos do mundo", lembra. Estes creadores contan cunha mesa redonda propia, que se suma a outras dedicadas a cuestións como a educación, os investimentos, a tecnoloxía dos drons ou a aplicacións destes xeitos de facer á accesibilidade. No entanto, o groso do programa son os obradoiros, nos que participantes de todas as idades poderán se achegar a ámbitos como a robótica, a reciclaxe, o soldado de circuítos, a electrónica o traballo con vimbios ou mesmo o parkour. Non faltarán tampouco as demostracións de diferentes tecnoloxías vencelladas a este universo, entre elas un partido de fútbol entre robots. Os asistentes ao evento, ademais, participarán nun sorteo cuxos premios, como non podía ser doutro xeito, serán dúas impresoras 3D.

A visibilidade crecente do movemento, coa súa presenza en eventos como esta Maker Faire, Coruña Dixital, ou a Open Source Hardware Demostration (OSHWDem) que se celebrará o 5 de novembro tamén na Cidade Herculina fan prever unha popularización cada vez maior. A maiores, espazos permanentes de encontro como o que ten Bricolabs na coruñesa sala Domus ou o Recuncho Maker do Matadoiro Compostela facilitan o acceso a este tipo de propostas. Será tempo de se pór mans á obra. Por espazos e oportunidades que non sexa.