O da percusión e o canto tradicional é un mundo que durante moitos anos estivo vencellado de xeito practicamente exclusivo coas mulleres. Leilía, Malvela e moitas outras foron as principais representantes, coa pandeireta por bandeira, deste mundo no mercado discográfico do país. No entanto, diferentes grupos reivindican o papel do home como cantor e pandeireteiro, ao tempo que buscan ampliar por diferentes vías este patrimonio sonoro.
Videoclip Oficial Pelepau "O vivir en Vigo" from asombraproducions on Vimeo.
Xeitos de innovar Á hora de recuperar a percusión e o canto masculino, estas propostas buscan diferentes vías de actualizar este patrimonio. No caso de Pandeiromus a innovación ven en grande medida pola temática, como amosan na súa triloxía discográfica Teño días, teño noites, unha serie de EPs que alumearon en 2014 e que están a piques de rematar. "O noso camiño foi partir de temas que nos interesaban como persoas. Non ficar en reproducir e imitar as pezas que recolliamos, como fixemos ata entón, senón trasladar ese repertorio ao século XXI. Aí traballamos con poetas como Séchu Sende ou Xavier Picallo para facer letras e incorporamos músicos de diferentes estilos". De feito, para o último disco desta triloxía, "estamos a traballar cun produtor de pop para darlle un aire máis fresco e nos identificar máis co que facemos". Maghúa, pola súa banda céntrase nun repertorio tradicional. "Recreamos o que recollemos, e tentamos ser o máis fieis posibles ao material". No entanto, segundo recoñecen "de cando en vez facemos cousas que se saen un pouco disto. Vimos todos de distintos mundos que van do rock e do metal á salsa, e tentamos facer pequenas brincadeiras con eses ritmos". A máis coñecida, Billardoid, a súa versión de Black Sabbath cunha letra dedicada á billarda. Fusión e posta en escena Pelepau ten na mestura de ritmos os seus sinais de identidade. "Facemos unha fusión da percusión tradicional coas de todas estas culturas que tiveron relación con Galicia a través da emigración. Incorporamos elementos de Arxentina, Uruguai, Brasil, e mesmo elementos sefardís ou mesmo polcas da zona de Suíza e de Centroeuropa. Ritmos como os que trouxeron os gaiteiros que emigraron", lembra Fernández. A transgresión vai tamén na presentación dalgunhas destas propostas. Así, Pelepau aposta por uniformar os seus membros con traxes tradicionais, cunha posta en escena que pode lembrar as batucadas brasileiras. Mentres Maghúa opta por un aspecto urbano contemporáneo no que non faltan sombreiros, camisetas de asas, pendentes ou tatuaxes. "Levamos unha imaxe que non é buscada, imos co noso aspecto habitual e esa normalidade tamén resulta rechamante", sinala Leira. Pandeiromus, pola súa banda, xoga a actualizar o traxe de gaiteiro. "Empregamos unha indumentaria baseada no tradicional pero a xogar co erótico, coa idea do home que tamén se ensina e provoca. Tentamos rachar muros que podían estar coutando un pouco a música galega", explica Vidal. Normalización Malia ao factor de orixinalidade que aínda conservan estas propostas, polo xeral os seus responsables recoñecen ter boa aceptación entre o público. "En directo levamos moitos anos e funciona moi ben. É certo que nalgúns sectores vese como algo transgresor as mesturas que estamos a facer", sinala Vidal. Leira, pola súa banda apunta que "penso que nos axudou bastante o feito de ser homes, desde o primeiro día chamáronnos moito para ir tocar. O feito de que o programa Alalá da TVG nos dedicase un programa tamén supuxo un grande impulso". Malia a que a nivel discográfico estas propostas continúan a ser puntuais, Vidal asegura que no campo dos grupos de música tradicional os intérpretes masculinos de pandeireta "hai xa tempo que deixaron de ser raros. Hoxe hai case unha paridade de xénero e o mesmo cantan homes que mulleres. Un pouco é o mesmo que aconteceu na gaita, que agora hai moitísimas mulleres a tocar cando antes era un instrumento masculino". Deste xeito, apunta que Xacarandaina, O Fiadeiro ou Trébede contan cos seus conxuntos de homes á percusión. No entanto, recoñece que existe aínda algún instrumento que se resiste á igualdade. "Aínda hoxe é moi raro ver unha rapaza co bombo". Aos poucos, as fronteiras internas van caendo.




