O Ciclo de música relixiosa de Barcia de Mera contará con 8 concertos

A igrexa de San Martiño, en Covelo, inicia a nova xeira o 30 de abril

Por oitavo ano consecutivo, o Ciclo de música relixiosa de Barcia de Mera levará á igrexa de San Martiño, no concello pontevedrés de Covelo, unha selección de recitais ao vivo. Desta volta serán oito os grupos que, entre o 30 de abril e o 17 de setembro visitarán o templo para achegar unha variada oferta de música sacra. Camerata Brigantina abre o ciclo este trinta de abril, mentres en maio será o Cuarteto Schubert a formación que actuará o día 21. O Trío Contrastes (18 de xuño) e Vox Stellae, que porá en escena Bastián e Bastiana de Mozart o 23 de xullo, protagonizan as seguintes citas. O mes de agosto, haberá dúas actuacións, unha da Orquestra de Cámara Galega, con obras de Haendel, Vivaldi e Bach o día 15 e outra o 27, na que o coro Vox Stellae lle renderá homenaxe a Miguel de Cervantes. O feche do festival, a cargo do grupo Capela Finisterrae achegará por vez primeira a música de danza a este evento, a interpretar pezas do século XVIII o vindeiro 17 de setembro.