Marilar Aleixandre ocupará o sillón de Neira Vilas na RAG

A da bióloga e educadora foi a única proposta que se lle remitiu ao plenario

Marilar Aleixandre. Fotografía da AELG. Distrito Xermar. 2014
Marilar Aleixandre. Fotografía da AELG. Distrito Xermar. 2014
Malia a que está pendente de aprobación polo plenario da Real Academia Galega, todo apunta a que será Marilar Aleixandre quen ocupe o sillón do falecido Xosé Neira Vilas na institución. A educadora, bióloga e escritora foi a única persoa que se propuxo para o posto na xuntanza do pasado sábado con vistas a que o máximo órgano da RAG a tome en consideración. No encontro tamén se oficializou a vacante producida pola morte de Xosé Fernández Ferreiro o pasado 16 de decembro.

Para alén da súa importancia como creadora, vencellada fundamentalmente á Literatura Infantil e Xuvenil, a Academia apunta que "Como bióloga e experta en educación, Marilar Aleixandre foi pioneira no uso do galego como lingua vehicular no ensino das ciencias: foi coautora dos dous primeiros textos de ciencias naturais en galego e doutros moitos materiais, itinerarios, artigos e ensaios sobre o ensino das ciencias".