A loita na ciencia

Nace o nodo galego da AMIT para visibilizar o traballo das científicas no noso país

Nace o nodo galego da AMIT para visibilizar o traballo das científicas no noso país
Aínda que se pode pensar que a presenza das mulleres nos campos científicos e tecnolóxicos están a medrar, na realidade os avances son tímidos. A defender o traballo das científicas e a reclamar melloras na súa consideración social e profesional, o pasado mes de decembro nacía a delegación galega da Asociación de Mulleres Científicas e Tecnólogas. Repasamos da man deste colectivo o panorama da ciencia en feminino.

Como noutros ámbitos, tamén na ciencia a aparente normalidade na situación das mulleres non é tal. "Aínda que semella que neste ámbito estamos moi ben, e que non hai diferenza cos homes, a realidade non é esa. Non existe igualdade nin paridade, non chegamos aos mesmos postos nin estamos igualmente distribuídas nos diferentes ámbitos da investigación. Existen moitos desequilibrios", explica Ana Jesús López Díaz, presidenta do nodo galego da Asociación de Mulleres Científicas e Tecnólogas. Este colectivo, que naceu a nivel estatal en 2001 acaba de inaugurar a súa delegación no noso país. As Xornadas Mulleres e ciencia que organizou a Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade de Compostela o pasado 15 de decembro acolleron a presentación desta iniciativa, que se suma aos nodos xa existentes en Cataluña, Andalucía e Aragón. "Coa creación dos nodos, entre eles o de Galicia, queremos crear redes de apoio para reivindicar os nosos dereitos, basicamente a igualdade de oportunidades no ámbito da ciencia e da tecnoloxía", explica López.

As científicas galegas
Preto de cincuenta científicas, maioritariamente das tres universidades galegas participan polo momento nesta flamante iniciativa. A operatividade foi o principal motivo que levou a crear unha delegación do colectivo no país. "En AMIT cada vez que se fai unha asemblea hai que ir ata Madrid, Valencia ou Sevilla. A distancia dificulta crear redes e nese sentido non estaba a funcionar. Un grupo de aquí percibimos que era necesario algo máis próximo ao noso contorno para coñecernos, porque a realidade era que moitas científicas galegas nin nos coñeciamos, e así facer redes", sinala a presidenta da nova delegación, que está en proceso de oficializar os seus estatutos. "A maioría da participantes somos das universidades, aínda que tamén contamos con investigadoras do CSIC".

Problemáticas
Aínda que a problemática das mulleres dedicadas á ciencia e á técnica é similar en todo o Estado, López apunta peculiaridades polas diferentes orientacións sobre a investigación en cada territorio. "As políticas que se desenvolven encol da ciencia nas diferentes comunidades son moi diferentes. En Galicia, por exemplo, a Xunta deixou moi abandonada a ciencia en xeral, e tamén a investigación en cuestións de xénero. É necesario que os contidos sobre ciencia conten con esta perspectiva, e iso é algo que aquí desapareceu", explica. A un nivel máis concreto advirte que "non se fan convocatorias de proxectos, e se este é un problema común a todos os científicos, para as mulleres aínda é peor. Sempre se atopan con máis problemas que os seus compañeiros, entre outras razóns porque seguen a ser elas as que teñen que conciliar a súa carreira coa vida familiar e persoal". Deste xeito, a desigualdade que se arrastra noutros campos da sociedade aféctalle ás científicas no desenvolvemento das súas carreiras. "O coidado dos fillos e das persoas maiores continúa a se ver como algo propio das mulleres, cando debería ser cousa dos dous nunha parella".

Premios e postos
Un ámbito no que tamén se detecta unha discriminación cara ás científicas é nos premios á investigación. "Non se cumpre a paridade na composición dos xurados. Hai un estudo feito co que se comproba que cando as mulleres gañan premios científicos son sempre galardóns simbólicos, sen unha compensación económica. Hai unha correlación moi clara, e queremos ver por que está pasando isto. Queremos que haxa paridade nas comisións científicas e nos xurados dos premios, e tamén animar ás mulleres a se presentar a eles", explica López. A desigualdade máis ou menos latente fica en evidencia tamén nas eleccións de carreira que fan as estudantes. "No nodo galego, catro das seis directivas estamos ligadas ao mundo da enxeñaría. E vemos que hai moi poucas mulleres enxeñeiras a nivel profesional e mesmo estudantes. Entón estamos a colaborar coa Real Academia de Enxeñaría nunha campaña para captar máis rapazas para estes estudos", explica. A maiores, aínda apunta que a situación non ten moitas perspectivas de mudar. "Na universidade e en secundaria mesmo se pode ver certo retroceso. Na miña propia experiencia cada vez vexo menos rapazas nas clases de titulacións como Enxeñaría Industrial ou Naval. Hai que crear referentes para que as rapazas vexan que pode haber mulleres enxeñeiras de camiños, navais ou o que queiran ser". A desigualdade é aínda máis evidente segundo se vai escalando nos postos de responsabilidade. "Vemos que nas distintas universidades hai unha maioría de alumnado feminino, e mesmo nas que teñen perfil máis tecnolóxico, como é a da Coruña, roldamos o cincuenta por cento. No entanto entre o profesorado non é así. Seguimos a ocupar os postos máis baixos, pero hai moi poucas catedráticas".

Outros axentes
O traballo a prol da igualdade neste ámbito no é algo que naza agora. Desde hai xa anos, as oficinas para a igualdade de xénero nas universidades, onde participan boa parte das investigadoras agora integradas no novo colectivo, desenvolven un importante labor. "Eu mesma son directora da oficina para a igualdade de xénero da Universidade da Coruña", apunta López Díaz. "No seu día reclamámoslle por carta á Real Academia Galega de Ciencias que tivese en conta que había moitas mulleres que faciamos ciencia. Non recibimos resposta, pero ao ano seguinte, en 2015, o Día do Científico Galego pasou a se nomear Día da Ciencia en Galicia e dedicáronllo a Ánxeles Alvariño. Consólome pensando que a nosa carta foi un dos motivos desta mudanza", lembra. A chegada á presidencia da entidade de Miguel Ángel Ríos a finais de 2013 semellou marcar unha proceso de renovación desta entidade, cunha maior atención á cuestión da discriminación por sexo. Así, a Academia comezou en 2014 a incorporar novos membros, entre eles estaban as que na actualidade son as dúas únicas mulleres no plenario da entidade, a catedrática de Farmacia María José Alonso e a de Microbioloxía e Parasitoloxía Alicia C. Estévez Toranzo. Canda a isto, a incorporación ao calendario de celebracións como o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia ou actividades como a recente exposición Investigadoras na Luz e nas Tecnoloxías da Luz que se organizou na USC amosan o interese social por esta cuestión.

Proxectos
Entre os proxectos inmediatos, AMIT-Galicia pretende "servir de interlocutor coa Administracións e coas universidades. Temos previsto concertar unha entrevista coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta. Está a se elaborar un novo programa de Muller e Ciencia e queremos que conten con nós para o desenvolver. Despois pretendemos facer diferentes actividades para nos dar a coñecer e crear redes. Queremos tamén visibilizar o traballo das mulleres na ciencia, tanto na actualidade como a nivel histórico. Crear referentes para rachar os estereotipos que continúan a vencellar as carreiras e a enxeñaría como cousas de homes". Así, o colectivo desenvolve unha intensa actividade nas redes sociais a publicar perfís de científicas famosas e a recoller novas sobre investigadoras destacadas e diferentes iniciativas de visibilización. O editatón da Wikipedia que se vai celebrar o vindeiro 8 de marzo no Museo de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña é a próxima cita para a asociación, un evento no que a presidenta da AMIT-Galicia lerá un manifesto.