O que virá en 2016

As efemérides, o Camiño de Santiago, a Ribeira Sacra ou a Lei de Patrimonio prometen marcar a axenda cultural

As efemérides, o Camiño de Santiago, a Ribeira Sacra ou a Lei de Patrimonio prometen marcar a axenda cultural
Fotografía de Stanislas Perrin. Wikimedia.
Para alén de Manuel María e das Irmandades, o ano 2016 chega con toda unha serie de promesas e de cuestións pendentes no ámbito da cultura. Por unha banda, leis como a do Patrimonio Cultural e a de Espectáculos prometen importantes mudanzas nas súas respectivas áreas. Por outra, un asociacionismo renovado e unha aposta importante pola internacionalización prometen dinamizar a nosa industria cultural e amosarnos novos aspectos do noso potencial creador.

A acción dos novos nomes
Está claro que algo que imos ver neste 2016 é un fortalecemento do asociacionismo cultural e os resultados dunha importante remuda neste ámbito. Por unha banda, temos unha grande cantidade de caras novas que nestes últimos 12 meses se incorporaron ás directivas de diferentes asociacións sectoriais, como xa adiantamos no noso resumo de 2015. Estas novas direccións han demostrar ao longo do ano que comeza as súas ideas para dinamizar os diferentes ámbitos. Propostas como a Coordinadora de Festivais de Cinema promovida desde a Academia do Audiovisual, a flamante Asociación da Crítica ou o relanzamento de Escena Galega prometen dar que falar. En xeral, albíscase a esperanza dun maior diálogo coa administración que permita paliar dalgún xeito os devastadores efectos da crise económica nas industrias culturais. A maiores, desde o ámbito máis institucional, é de agardar que Santiago Olmo demostre neste 2016 a orientación que lle quere outorgar ao CGAC, xa cos primeiros orzamentos do seu mandato aprobado. Será tamén a quenda de Fefa Noia de amosar o seu labor á fronte do Centro Dramático Galego logo do seu recentísimo nomeamento.

Conmemoracións
As efemérides mandarán na axenda. Castelao como protagonista do Día das Artes e o Ano das Irmandades da Fala van chamar a ollarmos un período da nosa historia que deixou unha pegada aínda viva no ámbito cultural. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra anunciou xa múltiples propostas para difundir a figura do rianxeiro, e mesmo abriu unha convocatoria específica de subvencións para entidades interesadas en traballar nesta cuestión. Pola súa banda, o Consello da Cultura abordará as Irmandades cun ambicioso programa plurianual que inclúe un álbum web de persoeiros, dúas exposicións e varios seminarios internacionais.

A elección de Manuel María como protagonista do Día das Letras fan pensar en que a data vai recuperar o espírito participativo co que contou nos últimos anos e logo do paréntese de Filgueira neste sentido. O feito de falarmos dun autor recente, cunha obra poliédrica e que conta con simpatías nos ámbitos máis mobilizados da nosa cultura agoiran un bo feixe de actividades e reinterpretacións.

Os debates patrimoniais
É de agardar que a Lei de Patrimonio se aprobe no ano que entra, o que xa está a xerar os correspondentes debates, especialmente no que se refira á cesión por parte da Xunta aos concellos de determinadas competencias neste ámbito. O sector profesional dedicado a este ámbito atópase ademais nun momento de efervescencia e polémicas. Por unha banda, están as reclamacións contra a ordenación de Turismo que exclúe a historiadores e a arqueólogos de explicar bens de interese cultural e outórgalles esta capacidade en exclusiva aos guías turísticos. Esta polémica acaba de dar pé á creación dunha plataforma que promete mobilizacións en breve. Pola outra, os arqueólogos están a denunciar no seu recente convenio o intrusismo e o "incremento desproporcionado e inxustificado do voluntariado nas actuacións arqueolóxicas". Dun xeito ou doutro, non han faltar polémicas sobre o xeito no que artellamos a nosa xestión do patrimonio.

Espectáculos e IVE
Outra lei pendente, a de Espectáculos, que ameaza con afectar de xeito negativo ás orquestras orientadas á verbena, preséntase tamén como un fito importante para a cultura do país no ano que entra. Canda a ela, ha continuar a polémica polo IVE que se aplica á cultura e as mobilizacións para conseguir a súa rebaixa.

O Xacobeo, de novo
A seguir coa tendencia do último ano, para 2016 seguiremos a ter unha boa dose de Xacobeo. Obras de recuperación, un plan de rehabilitación para vivendas nos concellos das rutas, integración de novas vías, ou mesmo o debate sobre cantos quilómetros son necesarios para obter a Compostela son cuestións que están xa sobre a mesa. A maiores, a celebración do Ano Santo da Misericordia, sumado á tendencia dos últimos tempos, fan prever novas marcas na afluencia de peregrinos.

A Ribeira Sacra
A Ribeira Sacra vai ser unha zona quente. A aspiración a que este espazo chegue a ser declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco está implicar un crecente apoio social. Ademais, os debates sobre os límites da zona a protexer e ameazas como a autovía A-76 (para a que Fomento se comprometeu a analizar un trazado alternativo) prometen un ano de quente actualidade nas beiras do Miño e do Sil.

A internacionalización
É de agardar para 2016 un ano de internacionalización cultura. A repetición do festival internacional Womex en Compostela na súa vindeira edición está a pór de relevo a importancia que o noso país ten no campo das músicas do mundo. En paralelo, a presenza de Santiago como cidade convidada na Feira do Libro de Bos Aires será unha grande ocasión para que o noso sector editorial ensine músculo. Está pendente de avances a Lei Paz Andrade, que prevé o establecemento de novos lazos coa Lusofonía, unha cuestión que o actual goberno da Xunta anunciou como de interese prioritario en diferentes foros. No mesmo sentido se anuncian vindeiras actuacións do Consello da Cultura Galega.

Proxección audiovisual
As múltiplas candidaturas aos premios Goya que obtivo o filme El Desconocido fan augurar un ano no que o noso audiovisual consolidará a súa proxección exterior. Desde ámbitos máis independentes, proxectos como a crecente creación dun portal web dedicado ao Novo Cinema Galego adiantan a continuidade deste movemento, co que a presenza internacional de cineastas galegos en diferentes festivais semella polo momento garantida.