A evolución coleccionista

A afección por atesourar arte contemporánea medrou rapidamente no noso país logo do franquismo

A afección por atesourar arte contemporánea medrou rapidamente no noso país logo do franquismo
Exposición de Esther Ferrer na Galería TRINTA
Carente dunha tradición tan prolongada como noutros países, a implantación do coleccionismo de arte contemporánea en Galicia é un fenómeno recente. Na creación deste panorama, o traballo corporativo e público amosouse como un factor fundamental, complementado polo labor, maioritariamente calada, de moitos afeccionados particulares.

Unha das peculiaridades que ten o coleccionismo de arte contemporánea, tanto a nivel galego como estatal, é a súa escasa tradición histórica. A fin do franquismo marcou, como en tantos outros ámbitos culturais, unha mudanza fundamental neste sentido. Rosario Sarmiento, responsable durante anos da antiga colección de arte de Caixa Galicia e coordinadora con Natalia Poncela do encontro Arte+Coleccionismo que se desenvolveu hai dúas semanas no Consello da Cultura, apunta que o fenómeno "está unido ao incremento da actividade artística que se deu en España e tamén en Galicia a partir dos anos 80, co comezo da democracia". Nesta época "produciuse un crecemento importante de bienais e exposicións que puxeron en valor a arte contemporánea e que afectaron como primeira xeración ao colectivo Atlántica". Concorda con ela Marisa Sobrino, coordinadora da sección de Creación e Artes Visuais, quen apuntaba na presentación do evento que "a normalización da arte contemporánea foi unha tarefa complexa e difícil. Houbo que partir practicamente de cero". A evolución que se deu nos últimos corenta anos é para ela "un síntoma da homologación democrática e cultural de España no contexto internacional".

Os fitos corporativos
A nivel galego, cómpre destacar o carácter pioneiro da creación do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, O proxecto naceu en 1970 da man do Laboratorio de Formas de Galicia e de Cerámicas do Castro, e acabou acumulando unha importante selección de fondos de creadores do país posteriores aos anos 30 do século XX. Fóra deste comezo, a evolución do fenómeno das coleccións non foi sinxela, e está marcada por unha serie de fitos importantes, especialmente no que se refire ao sector público e ao corporativo. "Houbo feitos destacados como a creación da Facultade de Belas Artes en Pontevedra (que fai agora 25 anos), o nacemento no CGAC en 1993, a Fundación Seoane ou o traballo das fundacións Barrié ou Caixa Galicia, que deron nun caldo de cultivo axeitado ao fenómeno en termos xerais", lembra Sarmiento.

Corporativos
Dentro da evolución desta actividade, a investigadora destaca as diferenzas entre coleccionismo público, privado e corporativo. Para ela este último, dependente da obra social de empresas, entidades bancarias ou sociedades mercantís e financeiras, "é un xeito de facer público o coleccionismo privado", ao se orientar á divulgación e investigación e non apenas á adquisición e conservación. Ao igual que outras modalidades, tamén esta "tivo un auxe destacado a partir dos ano 90, cando se comezaron a mercar moitas obras. A referencia máis antiga é a da colección da Caixa de Aforros de Vigo, que estivo xestionada e asesorada por Ángel Ilarri". Tamén, desde 1989, o MAC da Coruña deu inicio á súa propia colectánea en grande medida a partir das Mostras Unión Fenosa. Pouco máis tarde prodúcese en 1996 o comezo da colección Caixa Galicia. Máis recentes son as apostas neste ámbito da Fundación María José Jove, nada en 2005 a partir dos fondos persoais de Manuel Jove, e da Fundación Barrié que botou a andar a súa propia colección aínda en 2008 e que consta na actualidade de 51 obras de creadores galegos de internacionais.

Non cabe dúbida, no entanto, que a maior potencia no campo do coleccionismo corporativo son as coleccións de Abanca e de Afundación. A recente declaración como Ben de Interese Cultural de 3.883 obras deste fondos (1.350 pezas de Abanca e outras 2.533 de Afundación) amosan a pegada que estas entidades corporativas teñen na arte contemporánea do noso país. Ambas as dúas colectáneas comprenden tanto obras de autores do país como dalgúns dos principais creadores internacionais do século XX, e supoñen as principais iniciativas deste campo que existen no país.

Particulares
En Galicia a vertente privada deste fenómeno "ás veces é moi descoñecida mesmo para as persoas deste mundo. Sabes que hai xente que ten coleccións e que as pode prestar, pero custa moito dar o salto ao público. En moitos casos hai motivos, moi comprensibles, que van desde cuestións de facenda ata seguridade" lembra Sarmiento. Segundo recoñece Sarmiento, "hai coleccións privadas que teñen unha transcendencia pública, como a de Antonio Rosón, que é un caso moi importante". Este afeccionado creou a Fundación RAC, que desde 2007 dá a coñecer ao público as preto 300 obras que obran no seu poder. Canda a ela, "outras son menos coñecidas, como a colección Cortizo, vencellada a unha empresa que ten menos proxección pública. Tamén existen outros coleccionistas privados que teñen fondos importantes". É o caso de José Blanco, quen estivo presente no encontro do CCG a falar da súa actividade canda a Sofía Santos neste campo. "Ata certo punto as colección privadas solápanse coas públicas, aínda que tamén poden axudar a cubrir lagoas", explicaba.

Proxeccións privadas
A importancia deste sector ficou patente para o público en experiencias expositivas que aproveitaban fondos de diferentes coleccionistas. Sky Shout. A pintura despois da pintura (2005), Paixóns privadas, visións públicas (2008), orientada especificamente a visibilizar o traballo dos coleccionistas galegos, ou Antes de ayer y pasado mañana, lo que puede ser la pintura hoy (2009) evidenciaron as posibilidades de difusión que se agocha nas coleccións privadas. A implicación con estes obxectivos dos coleccionistas particulares resulta especialmente escasa no noso país. "A nivel saxón e americano é máis normal que os coleccionistas patrocinen espazos de museos e participen en institucións e órganos privados sobre a arte". Casos como os da Fundación Granell e Seoane amosan doutros xeitos o potencial do coleccionismo particular para reverter á sociedade. Para alén das obras propias de cadanseu artista, albergan tamén fondos doutros autores. Así, no caso concreto ca Granell, o seu patrimonio inclúe pezas de autores surrealistas que almacenou o seu alma mater, unha serie outra etnográfica e mais a colección persoal que Philip West cedeu á entidade. Tamén a Fundación Laxeiro pon a disposición do público 64 obras do coñecido pintor.

Públicos
Canda ás achegas privadas, "o coleccionismo público continúa aí e é importantísimo. Os museos, fundacións e coleccións están a traballar moi intensamente", lembra Sarmiento. No entanto, non cabe dúbida de que tamén neste ámbito diminuíron os investimentos. Un dos casos máis notables nese sentido no noso país é o do CGAC, que ao finalizar o compromiso polo que custodiaba a colección ARCO reduciu as súas compras anuais de novas pezas de 100.000 euros (dos cales 90.000 debían gastarse nese evento) a 35.000 en 2015. Non se poden esquecer tampouco os importantes fondos que neste sentido atesouran entidades como o Museo Quiñones de León de Vigo, os diferentes museos provinciais ou o de Belas Artes entre moitas outras entidades. Diferentes xeitos de integrar, traballar e valorar a arte que acaban por redundar no conxunto da sociedade.