A arte acumulada

A importancia do coleccionismo na arte contemporánea pasa desapercibida para o grande público

A importancia do coleccionismo na arte contemporánea pasa desapercibida para o grande público
A miúdo non é tan visible como as grandes exposicións pero o coleccionismo, tanto público como privado, desenvolve un papel fundamental na configuración da arte contemporánea. Logo de anos de expansión, este fenómeno vive actualmente un panorama de mudanza que vai alén da inevitable crise económica. Os encontros Arte+Coleccionismo do Consello da Cultura analizaron recentemente a situación do sector nunha xornada. Analizamos este fenómeno nunha serie de reportaxes.




Coa tan anunciada e demorada Lei de Mecenado como unha cuestión pendente que influirá de xeito decisivo no seu futuro, o fenómeno do coleccionismo en Galicia, ao igual que no conxunto de España, está nun momento de mudanza acelerado. Canda a isto, a crise e a recente declaración das coleccións de Afundación e de Abanca como bens de interese cultural poñen de relevo a importancia que a adquisición e acopio de obras artísticas teñen na nosa cultura. A atender a estas cuestións a Sección de Creación e Artes Visuais do Consello da Cultura Galega organizaba recentemente as xornadas Arte+Coleccionismo. Especialistas de importancia estatal, canda a algúns destacados coleccionistas e xestores do país abordaron esta problemática.

A importancia
O interese por mercar e gardar obras de arte é un piares cos que se crea un canon neste sector, especialmente no caso da creación contemporánea. Segundo explicaba Marisa Sobrino, coordinadora da sección de Creación e Artes Visuais do Consello da Cultura, trátase "dun dos factores fundamentais do sistema artístico actual". Coincidía con ela Pilar Citoler, unha das coleccionistas españolas máis coñecidas, quen sinalaba neste encontro que a actividade "é un labor fundamental, o grande motor da arte”. A lle pór cifras ao volume desta afección a nivel estatal, Mercedes Basso, directora xeral da Fundación Arte y Mecenazgo explicaba que "o mercado da arte moveu en 2013 arredor de 336 millóns de euros en España, o 75% desas transaccións fixéronse en galerías privadas e, con todo, a arte e o coleccionismo segue a valorarse como algo reducido a certos grupos". Para alén da pegada económica, no noso país o feito posúe unha especial importancia pola magnitude de coleccións como as de Afundación e Abanca, que con 3.883 obras de autores galegos e internacionais supoñen un patrimonio cultural fundamental para entendermos a arte contemporánea galega e as súas conexións foráneas.

Os efectos da colección
Segundo sinala Sobrino "o acto de coleccionar modifica non só os seus protagonistas directos, sexan museos, coleccionistas ou autores, tamén inflúe en toda a xente que os rodea". Para alén dos efectos xerais que se lle apoñen á arte, como a educación da sensibilidade do público, este fenómeno en particular posúe outros potenciais de cara á sociedade. "As obras teñen valores de identidade e de memoria, e a colección contribúe á creación dun patrimonio cultural de carácter propio". Ademais, esta actividade "fainos comprender os novos valores que xera a arte", deste xeito, o interese por adquirir obras contribuíu a enxalzar e darlle valor e saída ás creacións máis recentes. Na mesma liña, Rosario Sarmiento, unha das coordinadoras do encontro, apunta que "a xente e as institucións públicas e privadas que mercan arte e teñen unha colección de determinado nivel é unha referencia para o sector". Destaca de xeito particular esta especialista o valor que o labor corporativo posúe no campo da arte. "Xera un incremento destacado do traballo das galerías, e pon en valor toda unha serie de artistas. Dalgún xeito funciona como un reflexo do que se fai e anima a ir máis lonxe". Como exemplo pon a recuperación de Urbano Lugrís que se propiciou desde a Fundación Caixa Galicia. "Deuse a coñecer ao público e fixo que fose máis valorado entre artistas. Houbo mostras en Madrid e en Santiago e despois xeráronse outras exposicións".

O potencial social
Entre as funcións sociais do fenómeno, esta especialista destaca que, especialmente no que atinxe ao coleccionismo corporativo, "unha das funcións é estudar e pór en valor o seus fondos, traballalos". É dicir, non actuar unicamente como depósitos de arte. "Hai coleccións que se expoñen, pero iso é diferente que facer un discurso museográfico, que tamén é necesario. Non se trata só de colocalas en espazos e ilas mudando, senón darlles un peso específico. Pero dar ese paso a maiores é custoso". Na mesma liña apunta o traballo didáctico, "unha colección ten sentido desde o momento no que se difunde, se estuda e se pon en valor".

As razóns de atesourar
Detrás dos motivos que levan ao coleccionismo, os participantes nas xornadas enumeraron os máis variados. Así, na introdución ás xornadas, Marisa Sobrino preguntábase "Cales son as directrices e os móbiles que nos levan a atesourar arte", e sinalaba que "a intuición e o coñecemento son elementos básicos de toda colección". A maiores, apuntaba que "en moitos casos é sobre todo desexo, o íntimo interese que cada obra esperta en cada coleccionista e o pracer de gozar a súa posesión. Os coleccionistas privados poden sinalar en moitos casos a paixón e a adicción como principais motivos. En ocasións hai outros bastante importantes. O prestixio social que reporta unha colección é indubidable, e existe tamén un rendemento financeiro que non se pode esquecer". Mercedes Basso, pola súa banda, apuntaba que hai moitos tipos de coleccionistas, mais con trazos comúns como “o amor á arte, a compra como investimento e a necesidade de conservación”. Desde a súa experiencia, José Blanco apuntaba na súa intervención nas xornadas que a colección que comparte coa súa esposa "está integrada fundamentalmente por artistas da nosa xeración e de xeracións próximas. Creouse a partir do noso criterio e gusto persoal, nunca tivo ningún tipo de afán especulativo. Atreveríame a dicir que é paixonal, un reflexo das nosas vidas, das nosas viaxes e das relacións cos artistas e cos galeristas. Tampouco buscamos con ela ningún recoñecemento público, vémonos recompensados coa satisfacción persoal que nos xera", conclúe.